Na mañá deste venres 6 de xuño o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras acollía unha divertida e educativa actividade en Inglés, organizada pola Concellería de Cultura e Educación.
A finais de abril realizábanse as funcións de teatro en inglés para os estudiantes de Secundaria, coa asistencia de case que 400 alumnos do Colexio Divina Pastora e os Institutos Lauro Olmo e Martaguisela e hoxe era a quenda do alumnado de Primaria dos centros escolares do municipio. Ás 10 da mañá asistían alumnos de 3º, 5º e 6º dos colexios Divina Pastora e Julio Gurriarán; e xa cara ás 12 horas os escolares de 4º, 5º e 6º do CEIP Condesa de Fenosa e de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º do Otero Pedrayo de Viloira.

Máis de 350 escolares en total, desfrutaban, rían e aprendían con Harry o condutor, manager, director, revisor, mecánico e xefe de mantemento de The Trans-European Express, un autocar que supostamente fai unha ruta por Europa, de norte a sur e de leste a oeste. Porén a verdade é que nunca sae da estación de autobuses xa que apenas lle chegan pasaxeiros, ata que chega un moi especial e sen billete. Xuntos, falando en inglés e en clave de humor, conquistaron ao público miúdo.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.



