ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco acolle unha nova concentración de apoio ao pobo palestino

 

Coa lectura do limiar do libro “Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina”, por parte de Manuel Agra, iniciábase a concentración de apoio ao pobo Palestino que se celebraba estes luns 2 de decembro na praza do Concello do Barco a partir das 20h. Despois, Iris Gey poñía voz aos versos do poema “Gaza” de Rafa Vilar (libro O Sal dos días), que comezaba así: “A noite cae/ sobre a cidade arrasada/ cuspindo cristais./ Os meus ollos/ ábrense ao espanto/ e maldín/ a violencia do invasor“.

 

 

 

Deseguido, un luns máis, dábase lectura ao manifesto da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina, que convocaba concentracións esta mesma tarde en 35 localidades de diferentes puntos de Galicia. No seu texto incidíase en que “a loita do pobo palestino é unha loita de toda a humanidade. E é por iso que repetimos, unha e outra vez, que non nos pode ser allea. E que a desidia de quen nos goberna é intolerábel”.

 

 

Neste senso, no manifesto criticábase a postura da Unión Europea, pero tamén do goberno estatal e galego e sinalábase que “Palestina, como o resto de pobos do mundo, ten dereito á paz e á xustiza. Ten dereito á autodeterminación, a exercer a súa soberanía”. E anunciaban a continuidade de mobilizacións nas rúas, a seguinte, o 16 de decembro.

Ademais de no Barco, tiñan lugar outras sete concentracións deste tipo na provincia de Ourense: en Viana do Bolo, Manzaneda, Allariz, Ourense, O Carballiño, Ribadavia e Verín.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button