ConcellosÚltima hora

O Barco acolle unha nova concentración de apoio ao pobo palestino

 

“Os millares de vítimas claman por xustiza e nós non esqueceremos. Galiza coa Palestina! Pola autodeterminación dos pobos!Do río aomar, PalestinaVencerá!”. Deste xeito concluía o manifesto lido na concentración de apoio ao pobo palestino, celebrada esta tarde na praza do Concello do Barco. Era unha das 28 que se celebraban, ás 20h., en localidades galegas neste 26 de febreiro baixo o lema “Stop xenocidio. Palestina vencerá!”. Entre elas tamén estaban Allariz, Ourense, Ribadavia e O Carballiño.

“Unha xornada máis (e xa van case 5 meses de accións coordenadas) saímos ás rúas das nosas cidades e vilas para cumprir coa nosa promesa de continuar premendo quen nos goberna por accións concretas que poñan fin ao terror sionista. Non pedimos imposíbeis. Cada vez son máis os países que denuncian o xenocidio e dan as costas aos intereses israelitas”, dicía o manifesto, no que se volvía pedir un “cesar-fogo inmediato e o recoñecemento do estado palestino”.

Así mesmo, dende a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina volvían plantexar as súas esixencias neste senso ante as administracións galega, española e europea. O acto concluía convocando á cidadanía a unha nova concentración, que está prevista para o 11 de marzo.

Artigos relacionados

Back to top button