Todo a punto para a campaña de Nadal do Centro Comercial Aberto O Barco, con multitude de propostas para todas as idades. Dábase a coñecer este mediodía nunha rolda de prensa celebrada no Casino do Barco, na que participaban o seu presidente, Jacobo Arias, acompañado doutros membros da súa directiva, e tamén de representantes do Casino, entre eles o seu presidente, Pablo Dobao.
Así, do 21 de decembro ao 6 de xaneiro a Asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco pon en marcha a súa campaña de dinamización para celebrar o Nadal. O sábado 21 e domingo 22 en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas estará instalada na Praza do Concello a casa de Papá Noel cun trasgo para que os máis pequenos lle entregen a súa carta e a metan na caixa de correos.
O día 23 en horario de 10:00 a 12:00 e de 17:00 a 18:30 horas un tren gratuíto con saída da Praza Maior percorrerá O Barco, no que os nenos poderán viaxar con Papá Noel, Mickey e Minnie Mouse. E, en horario de 12:00 a 13:30 e de 18:30 a 20:00 horas, estarán na casa de Papá Noel na que estará instalado un fotomatón para facerse fotos.
O martes día 24 en horario de 11:00 a 14:00 horas volverá estar na vila Papá Noel xunto con Mickey e Minnie para a recollida das cartas de última hora. Entre todas as cartas sortearase un vale de compra por valor de 100 euros para investir nos comercios asociados.
Tamén haberá obradoiros infantís para a cativada que se desenvolverán no Viveiro de Empresas do Barco, onde ten a súa sede o CCA (situado na Avenida de Galicia, 32) en horario de 09:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. As prazas son limitadas e as inscricións estarán abertas desde o día 16 ata o día 20 de decembro e realizarase no mesmo Viveiro de Empresas do Barco.
“O ano pasado os obradoiros tiveran lugar no Casino do Barco, pero dado o grave sinistro que sufrían hai uns meses, nesta ocasión serán no Viveiro de Empresas, pero manteremos a colaboración co Casino e, de feito, como o ano pasado, os fillos ou netos dos asociados poderán acceder de forma gratuíta aos obradoiros. No resto dos casos, os nenos interesados en participar deberán presentar un tícket de compra e anotarse tamén no viveiro”, explicaba Jacobo Arias, quen tamén detallaba as características dos obradoiros.
Serán tres e nas seguintes datas:
-
- Día 26 de decembro de 17:30 a 19:00 horas, taller de cociña que será impartido por Pastelería A Casiña. Nenos de 5 a 12 anos.
- Día 27 de decembro de 11:00 a 13:30 horas, taller de manualidades a cargo de Ou Mundo de Popitas. Nenos de 5 a 12 anos.
- Día 28 de decembro de 17:00 a 18:30 horas, taller centro de nadal impartido por Almacéns Pote. Nenos de 7 a 14 anos. Para participar é necesaria inscrición previa, que irá acompañada dun tícket de compra dun dos comercios asociados superior a 10 euros.
Tamén se sortearán catro cestas de Nadal, con artigos, produtos e vales de compra doados polos comercios asociados. Desde o día uno de decembro e ata o día 6 de xaneiro os clientes que poderán cubrir os seus tíckets de compra co seu nome, apelidos e número de teléfono. Estes tíckets quedarán gardados no comercio no que se realizase a compra e serán levados á urna do CCA.
Ademais habéra sorteos de 2 vales de compra de 100 euros, de 1 vale de compra de 120 euros e de 1 vale de compra de 250 euros.
Todos os agasallos doados están expostos ao público no escaparate da antiga Librería Murciego (que de forma desinteresada poñía a disposición a súa propietaria). O sorteo levarase a cabo na segunda semana do mes de xaneiro no local onde está exposta a cesta.
Concurso de escaparates
Tamén se convoca este Nadal un concurso de escaparates para todos os establecementos asociados que se inscriban previamente. O xurado serán membros do Concello. 1er PREMIO : premio + cea + vale de compra 2º PREMIO : premio + cea + vale de compra 3er PREMIO : premio + cea + vale de compra.
Agradecemento do Casino
Durante a presentación, o presidente do Casino do Barco, Pablo Dobao, expresaba o seu agradecemento ao CCA por seguir contando con esta entidade para desenvolver as súas actividades. “Grazas por contar con nós, aínda que este ano nos sexa imposible desenvolver aquí os obradoiros. Para o ano que vén, contamos con retomalos de novo na nosa sede”.
Pola súa banda, Jacobo Arias, incidía na “importancia de seguir mantendo esa colaboración, que é boa para as súas asociacións”.
Fotos e vídeo: A.R.