ConcellosÚltima hora

O Barco di adeus a Julio Fernández “Julín”, ex concelleiro e un dos fundadores do CD Barco

 

Era moi habitual velo pasear polas tardes pola zona vella do Barco ou polo Malecón, acompañado polos seus amigos. Julio Fernández Arias “Julín”era un namorado da súa vila e unha persoa moi involucrada tanto na súa actividade deportiva como no eido nos festexos. Criouse á beira da estrada xeral, na rúa Marcelino Suárez, onde o seu pai Andrés tiña unha panadería.

Foi concelleiro socialista en dúas etapas moi diferentes, primeiro a finais dos anos 80 e, logo, xa asumía a carteira de Deportes entre o 2011 e o 2015. “Aínda que non estivera na primeira liña, era unha das persoas que sempre estaba na sombra dentro do partido”, explica Eduardo Ojea, compañeiro de corporación nese mandato e amigo persoal de Julio Fernández.

Foi precisamente o mundo do deporte o que facía públicas as súas condolencias polo seu falecemento a través dun comunicado do CD Barco nas redes sociais. “A Directiva e todos/as os integrantes do Centro de Deportes Barco manifestan a súa fonda dor polo pasamento de don Julio Fernández Arias. Julín, como era coñecido por todo o mundo na vila do Barco, foi un dos pais fundadores do club e, como tal, mantivo unha estreita ligazón con esta casa dende os seus comezos”.

 

 

Así mesmo, o club lembra que foi “presidente da xunta directiva e, máis tarde, o artífice da creación das primeiras escolas de fútbol base no Barco (1983-84) da man do club Atlético Sil, conseguindo a implicación dos centros escolares e de moitos negocios e empresas pra o patrocinio dos equipos de rapaciños. Daquela experiencia sairían logo moitos xogadores, algúns deles moi salientábeis, que defenderon a camisola do CD Barco dende as categorías inferiores até o primeiro equipo”.

Dende o CD Barco tamén destacan o seu “carácter afábel, aberto e sempre colaborador. Mandámoslle o noso sentido pésame e mais o noso agarimo á súa familia e a todos os seus seres queridos. Vaia con el, tamén, a nosa gratitude e o recoñecemento polo intenso traballo desenvolvido dentro e fóra do club”.

Julio Fernández, que estaba casado e era pai de dous fillos, falecía o pasado venres 22 de decembro aos 74 anos en Vigo e era enterrado o sábado 23 de decembro no cemiterio da súa vila natal, O Barco.

 

Artigos relacionados

Back to top button