
O Barco será proxecto piloto dunha investigación sobre innovación e cohesión da Universidade de Deusto. O Eixo Atlántico encargou á Universidade de Deusto a elaboración do Mapa de Cohesión do Eixo Atlántico, co obxectivo de testar a situación de todas as cidades que integran o Eixo. Trátase dun proxecto que, unha vez rematado, está publicado e pode consultarse en
https://www.eixoatlantico.com/es/listado-publicaciones/6031-mapa-de-cohesion
O seguinte paso desta iniciativa será a realización dun proxecto piloto nalgunha das cidades do Eixo. O ano pasado, fixéronse dúas experiencias, na Cámara de Santa María da Feira (Portugal) e no Concello de Ribeira, e este ano estase a realizar no Concello do Barco.
Neste senso, xa se celebraron dúas reunións neste municipio valdeorrés. A primeira, con participación de representantes políticos e técnicos do Concello, o 12 de febreiro, e outra o 18 de marzo, esta vez con representantes de empresas, asociacións e entidades do municipio.
No plan de traballo tamén se establece que se realice una última xuntanza aberta á cidadanía en xeral. Neste caso, invitarase aos asistentes a realizar as apartacións que consideren oportunas para incluír no proxecto, buscando sempre coñecer as necesidades que poidan existir e as cuestións que máis interesan á cidadanía en xeral.
Esta reunión terá lugar o próximo martes 29 de abril ás 18,30 horas, no Salón de Actos do Edificio Multiusos. “Trátase dunha reunión fundamental para definir o futuro do proxecto, a que pode asistir calquera persoa que o desexe, a título particular”, segundo o Concello do Barco.