DeportesÚltima hora

O barquense Leo Pérez, segundo no campionato social de inverno de karting de Cabañas

Este piloto alevín mellora deste xeito o resultado obtido na primeira das citas desta competición en novembro, na que foi terceiro

 

Nova mostra de calidade e talento do piloto barquense Leo Pérez Pereira (Aleteam). Na súa segunda competición como alevín, neste domingo 19 de xaneiro, vén de facerse co segundo posto no campionato social de inverno de karting Cabañas Raras, no Bierzo, unha proba con presenza de pilotos de diferentes puntos de España e mesmo de Portugal.

Nesta cita Leo Pérez estreaba un Kart Republic e celebrábao non só facendo podio, senón mellorando o resultado da primeira cita deste campionato no pasado novembro, onde quedaba terceiro. “Esta sendo impresionante o que fai, tendo en conta que está correndo nunha categoría nova para el e fronte a pilotos que teñen máis forza e máis idade”, asegura o seu pai, Julio Pérez.

Leo Pérez ten previsto regresar á competición o vindeiro 9 de febreiro, na que será a terceira e derradeira proba do campionato social de inverno de Cabañas, no que arestora ocupa o segundo posto da clasificación alevín. Desta volta, a súa meta será novamente o podio, buscando ademais opcións de vitoria.

A partir de aí, a Leo gustaríalle poder correr nesta tempada o campionato de España, un proxecto deportivo para o cal necesitaría apoio económico. “Estamos buscando patrocinadores, xa que iso implica un orzamento elevado”, comenta o seu pai.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button