
O 3D de tiro con arco chega por primeira vez a Valdeorras da man do club Arqueiros do Sil. O vindeiro sábado 10 de maio celebrarase na Rúa, na zona de arboleda do Aguillón, o Campionato Galego de 3D, unha modalidade distinta á que adoitan practicar no club valdeorrés.
Durante toda a súa traxectoria sempre practicaron o tiro de precisión, en dianas de papel; e o 3D consiste en tirar a figuras de diferentes animais e a distintas distancias. “Mentres que en precisión se tira a unhas distancias estipuladas neste caso son descoñecidas para os tiradores e as figuras poden estar dende 5 ata 40 metros de distancia dependendo do tamaño”, explica a presidenta do club, Cristina Delgado.
A proba na Rúa, en colaboración coa Federación Galega de Tiro con Arco (FGTA) e o Concello, será para as divisións de Arco Composto, Espido, Arco Tradicional e Long Bow e nas categorías U15 (menores 14 anos); U18 (cadetes); U21 (júniors); 50+ (veteranos); e Sénior. Comezará ás 9 horas e rematará pola tarde coa entrega de medallas.
Máis información na edición de maio de O SIL Deportivo que xa está á venda en quioscos e librarías.




