EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O barquense Manuel Losada analiza os desafíos dos viños valdeorreses na XIII Semana de Historia do IEV

Este catedrático de Enoloxía impartía neste 22 de novembro a conferencia “Os retos futuros das variedades de Valdeorras” na Casa Grande de Viloira (O Barco)

 

Os desafíos que teñen por diante os viños da Denominación de Orixe Valdeorras, así como as súas oportunidades, eran analizados na conferencia que o catedrático en Enoloxía, viticultor e enólogo natural de Viloira (O Barco), Manuel Losada, impartía na tarde deste 22 de novembro no marco da XIII Semana de Historia do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV). O seu relatorio levaba por título “Os retos futuros das variedades de Valdeorras” e impartíao na Casa Grande de Viloira (O Barco).

Losada comezaba explicando as características dos climas e dos solos de Valdeorras e despois abordaba as posibilidades que ofrecen neste territorio as diferentes variedades brancas e tintas admitidas polo reglamento da D.O. Así mesmo, detíñase nas consecuencias que podería ter na viticultura valdeorresa o cambio climático, con efectos como as secas e o aumento das temperaturas. “Ante esta situación, seguramente habería que analizar as estratexias que deberíamos seguir na actualidade para conseguir elaborar viños da máxima calidade. Para acadalo, é fundamental que o viticultor estudie cal é a variedade máis axeitada según a altitude, o chan e a temperatura media da parcela onde se vai plantar a viña”.

Outro dos aspectos que analizaba Losada, profesor da Universidade Autónoma de Madrid, era o dos perfís dos consumidores e do mercado. “As adegas deben adaptarse aos mercados, e ter moi en conta os cambios nos hábitos de consumo. Por exemplo, creo que teríamos que valorar que cada vez se demandan viños máis frescos, e que está aumentando o consumo de viños rosados, un tipo de produto que acaba de ser aprobado polo noso Consello Regulador”.

 

 

Losada era presentado nesta conferencia por Julio Pérez Veiga, vogal do IEV, quen estaba acompañado polo presidente da entidade, Aurelio Blanco Trincado. Del salientaba o seu altísimo nivel técnico. “Cando decidimos que esta nova edición da Semana da Historia estivese adicada á viticultura e ao enoturismo na nosa comarca, dende o primeiro momento tivemos claro que un dos expertos que intentaríamos que nos acompañase nesta iniciativa fose Manuel Losada”

Ao finalizar a conferencia, os asistentes  podían continuar debatendo sobre os temas tratados na ponencia, mentres degustaban viños da Denominación de Orixe Valdeorras acompañados de petiscos.

A terceira conferencia da XIII Semana da Historia de Valdeorras terá lugar o vindeiro mércores, 26 de novembro, ás 20:00 horas, de novo no Salón de actos da Casa Grande de Viloira. Nesa ocasión, o xornalista e historiador Luis Congil, impartirá unha ponencia titulada “A marabillosa historia do viño en Valdeorras: unha oportunidade de futuro”.

Fotos cedidas.

Back to top button