Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O BNG celebra en Ourense a “festa do nacionalismo”

O acto foi un roteiro polos diferentes puntos representativos do nacionalismo na cidade

Como chamada para os actos de celebración, o próximo 25 de xullo, do Día da Patria Galega, o Bloque Nacionalista Galego botouse ás rúas da cidade para facer un chamamento a que a xente se una a devanditas actividades. Estas actividades estanse a facer non só nas capitais, senón tamén nas principais cabeceiras comarcais.

Así, a través dun roteiro por diferente puntos emblemáticos do nacionalismo na capital, os diferentes representantes dos nacionalistas ourensáns fixeron o seu discurso. O primeiro dos espazos elixido, e dende onde partiu a comitiva nacionalista, foi a Subdelegación do Goberno en Ourense, fronte a estatua da castiñeira. Alí, Alfredo Suárez interveu para facer “unha reflexión ao nacionalismo da razón” e asegurou que “é fundamental” traer ao primeiro plano da política a reflexión do dereito á autodeterminación. Tamén falou de “ataque da política estatal e dos grandes medios ao nacionalismo”.

O grupo nacionalista botou a andar e pararon na Praza de Ferro, onde interveu Teresa Devesa e logo foi a quenda da parlamentaria do BNG pola provincia de Ourense, Noa Presas, que lle tocou falar diante da casa natal de Alexandre Bóveda. A deputada nacionalista puxo en valor “os postulados deste gran defensor dos intereses económicos de Galicia”, uns postulados, asegurou, que naceron hai máis de 100 anos “e que xa defendía cuestións importantes, como a creación dunha banca pública galega, á altura do 36, antes de que fóra asasinado polo golpe fascista”. Presas reiterou que “só o nacionalismo galego puxo un compromiso enriba da mesa para defender un novo modelo de financiamento polo cal o Estado nos retorne os recursos que nós lle transmitimos a eles en lugar de quedar co 70% que recadan ás comunidades autónomas”.

A última parada destes actos foi diante da estatua de Otero Pedrayo, na Praza do Correxidor. Alí, Bieito Lobeira, coordinador de organización da Executiva Nacional do BNG, fixo a súa intervención. Ao rematares, comezou a actuación de Lucía Aldao e María Lado na A.C. Auriense.

Segundo contou Noa Presas, estes actos son o entremés para a grande manifestación que se fará o próximo 25 de xullo en Santiago de Compostela. “Temos a intención de que sexa a festa do nacionalismo” e, por iso, ese día celebraranse diferentes actos como concertos e festas.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button