PolíticaÚltima hora

O BNG critica que o PP “se negue a cumprir a lei destinada a evitar danos tralos incendios malia as enchentes destes días”

A deputada Monste Valcárcel aseguraba no Parlamento galego que "as riadas destes días en Viana do Bolo e no oriente ourensán demostran que os incendios non rematan cando se apagan"

A deputada do BNG Montse Valcárcel./ Cedida.

 

A responsable de Montes do BNG no Parlamento, Montse Valcárcel, vén de pedirlle esta mañá ao PP o cumprimento do artigo 49 da Lei3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, “que require a constitución anual dunha comisión interdepartamental coas consellerías implicadas, así como a publicación anual, antes de rematar o primeiro trimestre, do mapa de riscos e impactos dos incendios ocorridos no período anterior, garantindo acceso público e transparencia”.

Na súa intervención na Comisión 7º, Valcárcel sinalou que o que está a ocorrer estes días en Viana do Bolo e no leste do Ourense “demostra algo moi simple: o incendio on remata cando se apaga”, porque tras el chegan a chuvia, os arrastres, a erosión, os sedimentos, os desprendementos e os danos sobre aldeas, ríos, solos e infraestruturas. O dano continúa”, afirmaba, incidindo tamén na afectación á seguridade e na sensación de abandono de quen volve asumir as consecuencias.

A deputada nacionalista remarcou que a proposta non busca “unha norma nova” senón “que se cumpra unha lei vixente”. A xuízo do BNG, o artigo 49 establece dous mandatos claros que “non se executaron nin un nin o outro”, polo que “non estamos ante unha cuestión administrativa menor”, senón ante “boa gobernanza do territorio, restauración post-incendio con criterio, transparencia no uso dos recursos públicos e responsabilidade política”.

Valcárcel recoñeceu que o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) “é útil e necesario” pero que, mentres este mira cara adiante, o  artigo 49 “mira cara atrás: cara ao territorio queimado, cara aos danos que o lume deixou e cara ás actuacións que cómpre adoptar despois”. “Porque o lume non remata cando desaparecen as lapas.”, incidiu, para advertir a continuación que, de non existir un mapa anual de riscos e impactos, a Administración “actúa a cegas”.

“Actúa sen saber con precisión onde o risco de erosión é maior. Actúa sen priorizar as zonas onde a restauración é máis urxente. Actúa sen identificar con criterios públicos as afeccións sobre os cursos de auga. Actúa sen coordinar de verdade os departamentos implicados. E actúa, en definitiva, sen a ferramenta que a propia lei lle ordena ter”, expuxo.

É por iso que a deputada considerou que non se trata dunha “cuestión administrativa menor”, senón de “boa gobernanza do territorio, de restauración post-incendio con criterio, de transparencia no uso dos recursos públicos e de responsabilidade política”.  Nun país como Galicia,  engadía, “non debería ser discutible, e menos aínda cando a realidade volve lembrarnos, unha e outra vez, que os incendios non acaban no verán,  os seus efectos poden durar meses, e ás veces anos”.

Ademais, a iniciativa do BNG solicitaba que a Xunta compareza no Parlamento no prazo de tres meses para explicar en que punto está a aplicación real do artigo 49, se existe esa comisión interdepartamental e que mapas e medidas de restauración se elaboraron nos últimos cinco anos. “Que voten a favor: que lle dean a razón á lei” porque un voto en contra “custará” entendelo. “Non hai razón ningunha para votar en contra” desta proposta, xa que a norma prevé “unha ferramenta” que, ao seu entender, “faltou ata agora por falta de vontade política”, expresou, criticando a opacidade do Goberno galego ao negarse a publicar os mapas de risco e a non constituír a comisión interdepartamental.

Malia a súa argumentación, e despois das enchentes destes días, que tal e como subliñou Valcárcel, “non son un incidente illado, o PP votou en contra da proposta do BNG, despois de limitarse, na súa intervención a enumerar actuacións realizadas pola Xunta, nada sobre o cumprimento da lei nin sobre a elaboración do mapa de riscos que determina as zonas nas que hai que facer restauración despois dos lumes”.

Back to top button