Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

O BNG de Ourense compromete “un traballo intenso rigoroso a prol desta parte do país”

Os 4 deputados elixidos pola provincia o 18F comparecían esta mañá para valorar un "resultado histórico para o nacionalismo galego, que nos consolida como segunda forza e alternativa ao Partido Popular"

 

Noa Presas, deputada e membro da Executiva Nacional do BNG, acompañada de Iago Tabarés, Sonia Vidal e Secundino Fernández, elixidos como deputados pola circunscrición de Ourense convocaban esta mañá aos medios para valorar uns “resultados históricos para o nacionalismo galego en Galiza e en Ourense”.

Noa Presas expresou o “recoñecemento e orgullo polo intenso traballo militante e das e dos candidatos” que puxeron en marcha unha campaña “en positivo de ideas e de propostas, unha campaña desde a verdade e os datos, tamén desde a ilusión e o orgullo de ser de Ourense e de ser Galegos, que xerou un enorme entusiasmo e na quefomos a única organización política que presentou un plan para Ourense.”

A nacionalista expresou “o noso agradecemento ás 43.758 persoas que en Ourense elixiron a papeleta do BNG, un incremento do 5.45%, de máis de 12.600 persoas respecto dos anteriores comicios autonómicos. Supón un aumento de apoio, a diferenza das outras dúas forzas políticas que estaban no arco parlamentario” ademais, engadiu “como veciña da cidade de Ourense, gustaríame referirme tamén aos resultados locais: Incrementamos votos e subimos tamén en porcentaxe, e malia a entrada en competición do partido da alcaldía, consolidamos a posición de segunda forza, por riba desta forza e acurtando a distancia co Partido Popular”.

Para a nacionalista isto revalida que “a sociedade ourensá valorou positivamente o traballo por Ourense feito polo BNG no Parlamento e polo Grupo municipal no concello”

“O BNG non tocou teito”

Presas recordou que “aumentamos e consolidamos a posición de alternativa ao Partido Popular e un de cada tres galegos escolleron a nosa papeleta, isto amosa que a capacidade de medre do BNG non tocou teito e que conseguimos mobilizar a moitas persoas desafectas coa política”.

E aseguraba que a “todas esas persoas, non lles imos fallar. O BNG vai ser a forza que defenda cada día a Galiza mellor que unha maioría desexa para o noso país. Ademais, o peor resultado do PP é na provincia en que ten a deputación con maioría absoluta e iso é outro síntoma de que estamos ante un cambio de ciclo no que o BNG é a alternativa”, afirmou a deputada.

Ademais amosábase agradecida “pola confianza, imos cumprir no noso papel de líderes da oposición e alternativa ao Partido Popular e as e os ourensáns poden confiar en que imos estar á altura neste cambio de ciclo, cun traballo intenso desde as institucións e man a man coa sociedade. Estaremos á altura da confianza e do que Ourense precisa.”

Artigos relacionados

Back to top button