
Entre os asuntos que se abordarán na orde do día do pleno deste xoves 3 de abril no Barco figuran dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG, a través do seu voceiro, Manuel Agra. Unha delas é unha iniciativa da Plataforma SOS Sanidade pública para solicitar o paoio á manifestación do vindeiro domingo 6 de abril.
A moción solicita á corporación municipal do Concello do Barco de Valdeorras a aprobación dos seguintes acordos propostos pola Plataforma SOS Sanidade Pública: “apoiar as reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública” e “instar ao goberno municipal a difundir a través dos medios ao seu alcance a Manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública do día 6 de abril en Compostela e a facer un chamamento ao conxunto da veciñanza para participe nela”.
Ademais o BNG do Barco levará outra iniciativa á sesión plenaria de cara a amosar o rexeitamento da Corporación barquense con respecto “ao proxecto de construción da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei”.