
O grupo municipal do BNG no Barco, a través do seu voceiro, Manuel Agra, levará a vindeira sesión plenaria da Corporación deste municipio, prevista para o xoves 6 de marzo, unha moción para solicitar á Xunta de Galicia “a aprobación por Lei e a posta en marcha dunha Valedoría de Igualdade”. No texto da iniciativa, o BNG barquense apunta que “hai xa máis de cen anos que o 8 de marzo comezou a recoñecerse e consolidarse como unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres e a forma de honrala é impulsar avances concretos para que os dereitos lexislados sexan dereitos reais”.
Ademais incide en que “na última década, a forza do feminismo fixo que se produciran cambios lexislativos e un proceso de toma de conciencia colectiva que nos fixo avanzar posicións. Mais hoxe, vemos con preocupación o avance de posicións e medidas abertamente retrógradas no ámbito social ou institucional, con consecuencias que agravan a desigualdade e mesmo cuestionan a existencia da violencia machista que ameaza as nosas vidas”.
Entre outras cuestións, a moción sinala que a “fenda salarial continúa, continúa a sobrerrepresentación das mulleres nos tramos de menores ingresos e a infrapresenza nos de maiores ingresos. Aínda que aumentou a poboación feminina ocupada, hai unha terciarización dese aumento e a xornada parcial continúa sendo unha característica do emprego feminino. Podemos afirmar que a última reforma laboral non fixo máis que afondar as fortes fendas xa existentes entre homes e mulleres. Ademais, aumenta a desigualdade das pensións e todos estes factores fan que permaneza a situación de feminización da pobreza, mesmo aumentando a fenda entre homes e mulleres”.
O grupo municipal do BNG no Barco considera que, “para situar Galiza nos máis altos estándares de promoción da igualdade e de loita contra a discriminación por razón de xénero, faise preciso avanzar na constitución de organismos públicos independentes que velen polo cumprimento e garantía dos dereitos xa recoñecidos formalmente na lexislación. De maneira específica, faise preciso abordar esta cuestión no sector privado, toda vez que non existe unha autoridade independente análoga á que si ten por natureza a defensa dos dereitos da cidadanía fronte á administración. Este papel, que cumpren as Valedorías ou Defensorías do Pobo, tamén en Galiza, circunscríbese en exclusiva ao ámbito público non tendo encomenda algunha sobre as situacións de discriminación que se produzan no sector privado”.
E, nese senso, plantexa que “é necesaria unha Valedoría da Igualdade entendida como autoridade independente que asesore e asista á cidadanía diante de posíbeis situacións de discriminación, directa ou indirecta, por razón de xénero, que se produzan no sector privado así como promover vías de negociación e recomendacións que poñan fin a situacións de discriminación como as que continúan a rexistrarse aínda hoxe en moitos ámbitos”.
A moción conclúe propoñendo dous acordos á Corporación municipal do Barco de Valdeorras, que reafirme “o seu compromiso coa loita feminista e o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego de base” e que demande da Xunta “o impulso dun proceso con ampla participación social e institucional para a aprobación por lei antes do remate do ano 2025 dunha Valedoría de Igualdade”.