Entre os asuntos que se abordarán no pleno ordinario que a Corporación barquense celebrará o vindeiro 12 de decembro figura unha moción presentada polo BNG que pide que se habilite unha Casa de Mocidade no concello. “Para o BNG a mocidade é unha das nosas prioridades”, di a moción que defenderá o concelleiro Xavier Rocha, incidindo ademais que iso plasmábase en diferentes medidas contidas no programa co que esta formación política se presenta ás eleccións locais, e entre “eses compromisos adquiridos coa cidadanía” está a creacion dunha “casa da xuventude e locais en condicións”.
“Ao BNG do Barco preocúpanos profundamente que o noso concello non teña Casa da Mocidade. Concellos menos poboados como Curtis ou Chantada, xa teñen este tipo de instalacións, o que fai que nos preguntemos por que nós non. As Casas da Mocidade son espazos vitais para o desenvolvemento e crecemento persoal e social dos mozos e mozas da nosa comunidade. As estatísticas mostran que as casas da mocidade poden ter un impacto significativo no benestar xeral e no desenvolvemento persoal e profesional da mocidade. Estes espazos ofrecen oportunidades para actividades recreativas, educativas e culturais; música, video-xogos, graffiti, pintura, etc.. promovendo así un ambiente saudable e inclusivo”, explica o BNG na moción.
Así mesmo, no texto da iniciativa matízanse as funcións que debería desempeñar esta instalación “orientar e asesorar a mocidade , garantindo que toda a poboación moza do concello teña acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada en relación aos seus intereses e necesidades. Organizar, xestionar e promover programas e actividades formativas no marco da educación non formal orientadas a facer efectivas a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento integral da mocidade a nivel formativo, laboral, familiar, etc.. Organizar actividades de ocio e tempo libre. Organizar actividades para mellorar a calidade de vida da mocidade e fomentar o deporte, o ocio saudable, a educación en valores, a igualdade, interculturaliadade, violencia de xénero, etc.. E favorecer a participación da mocidade na vida social e comunitaria, a través de grupos informais e asociacións xuvenís”, entre outras como ensaios de grupos musicais.
Neste senso, o BNG propón que o Concello do Barco leva a cabo a “construción nova ou rehabilitación dun edificio para albergar a casa da mocidade”, con diversas propostas concretas, de cara a habilitar unha Casa da Mocidade no municipio.