PolíticaÚltima hora

O BNG leva ao Parlamento galego a “necesidade de contar cunha unidade especializada” de silicose na comunidade

A esta sesión plenaria en Santiago asistían representantes da Asociación de Silicosis de Valdeorras

 

A necesidade dunha unidade de atención especializada á silicose en Galicia era plantexada esta mañá ao Parlamento galego da man do grupo do BNG. Os deputados nacionalistas Ramón Fernández Alfonzo, Secundino Fernández Fernández, Montserrat Prado Corese e Brais Ruanova asinaban unha pregunta para a súa resposta oral no Hórreo por parte do conselleiro de Sanidade.

Na súa iniciativa, os parlamentarios do BNG apuntaban que “as enfermidades profesionais no sector da industria da pedra e do mármore son recorrentes ao longo da historia, un problema non superado e que aínda a día de hoxe son un grave problema no noso país. que parece enquistado dados os resultados epidemiolóxicos máis recentes e que puidera parecer tamén insuperábel”.

 

 

E, en concreto, facían a seguinte pregunta “Como valora o feito de que sendo Galiza o territorio do estado español onde máis casos de silicose se diagnostican todos os anos, salientando os casos de persoal en activo, non exista no sistema público de saúde galego unha unidade especializada e haxa que remitir doentes e consultas ao centro de Asturias?”.

Na súa intervención, Secundino Fernández pedía tamén dotar de neumólogos o Hospital de Valdeorras para poder tratar na zona o elevado número de casos de silicose derivados fundamentalmente da actividade de extracción de lousa na zona, e cualificou de “abuso” obrigar as persoas afectadas pola doenza a desprazarse como mínimo a 120 km, a Ourense, Vigo ou Oviedo.

Afondando nas cifras, o deputado nacionalista botou man dos informes do Instituto de Silicose de Oviedo para subliñar a incidencia que ten a doenza en Ourense, cun 60% do total de Galiza, na súa maior parte concentrada no sector da lousa. En Valdeorras, a porcentaxe elévase até o 65 %. En Galiza rexístrase o 40 % dos casos do conxunto do Estado, dicía.

“Ano tras ano, a comarca de Valdeorras leva esa negra honra de ser a mais afectada; xa non de Galiza se non de todo o Estado”, indicaba o deputado nacionalista, indicando a continuación que nte isto a Consellería de Sanidade “non fai nada, nin sequera hai un neumólogo”.

A esta sesión plenaria, asistían representantes do BNG de Valdeorras, como é o caso do concelleiro do Barco Manuel Agra, e tamén directivos da Asociación de Silicosis de Valdeorras, creada a primeiros deste ano, cuxa principal demanda e que se dote ao Hospital Público de Valdeorras dun neumólogo durante 5 días á semana.

Back to top button