PolíticaÚltima hora

O BNG leva ao pleno do Barco a necesidade de mellora do tramo de ferrocarril Monforte-Ponferrada

Defenderá unha moción sobre este tema e outra sobre a situación da lingua galega

Os concelleiros do BNG no Barco./ Foto: O SIL.

 

A situación das infraestruturas ferroviarias será un dos asuntos que se abordarán na vindeira sesión plenaria do Barco, neste mes de febreiro. O grupo municipal do BNG vén de rexistrar unha moción, para o seu debate en pleno, para pedir a Adif unha actuación de mellora no tramo Monforte de Lemos-Ponferrada.

“Dende o BNG xa expuxemos os motivos da demanda dun servizo ferroviario digno en febreiro de 2020 a través do noso concelleiro Suso Vilasánchez, no que expuxemos que un modelo de desenvolvemento do tren centralista é prexudicial para Galiza, sobre todo para zonas illadas como a nosa comarca”, sinalan os nacionalistas na súa moción, indicando ademais que consideran “que é o momento de presionar á Xunta de Galiza e ao Goberno de España para actuar no tramo de ferrocarril Monforte-Ponferrada, o cal tería múltiples beneficios para O Barco e Valdeorras: acortar o tempo de viaxe a Ponferrada, acortar o tempo de viaxe a Ourense (máximo 1h 20 min. para competir co coche), mellorar a frecuencia de trens debido ao aumento de usuarios”.

Así mesmo o BNG cre que é “un bo momento para aproveitar os fondos europeos como así consta en moitas novas publicadas en Adif”. Nese senso, na súa moción pide tomar o seguinte acordo: “o Concello do Barco instará a ADIF a través do Ministerio de Transportes a licitar as obras de mellora do tramo de FF.CC. entre Monforte e Ponferrada”.

Moción sobre a situación da lingua galega

Esta non será a única moción que o grupo municipal do BNG do Barco presente na sesión plenaria, para a que tamén rexistra outra iniciativa sobre a situación da lingua galega e a adopción de medidas para a súa normalización, tomando como punto de partida os “recentes datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego” que “constatan a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua. Esta situación que podemos cualificar de emerxencia”.

O grupo nacionalista considera que “esta situación do noso idioma é reversíbel. O galego ten futuro se o compromiso coa normalización do noso idioma é real e asumido por toda a sociedade, comezando polas institucións galega” e, nese senso, plantexará ao pleno barquense, para a súa aprobación, os seguintes acordos:

“1.Reafirmarnos na defensa da lingua galega, patrimonio colectivo de incalculábel valor, e no seu dereito inalienábel a ser coñecida e usada pola poboación en calquera circunstancia e lugar, sen discriminación de ningún tipo.

2. O concello revisará a súa actuación en materia lingüística e a adaptará ao previsto legalmente, tendo en conta a súa condición de “lingua propia de Galiza” (Estatuto de Autonomía, artigo 5), e o establecido nos preceptos aprobados por unanimidade das forzas
políticas: Lei de Normalización Lingüística (1983), e Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).

3. O pleno do concello acorda adherirse á Plataforma Queremos Galego, entidade social ampla conformada por colectivos de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta popular a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; e de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada. En coherencia con esa decisión, o Concello apoiará activamente as iniciativas socias promovidas desde esta Plataforma.

4. Trasladar este acordo plenario ao Parlamento da Galiza, Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, e á Plataforma Queremos Galego”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button