
A falta de pediatras en Atención Primaria no Distrito Sanitario de Valdeorras volverá a abordarse no vindeiro pleno ordinario da Corporación barquense. O grupo municipal do BNG defenderá na sesión unha moción sobre este tema. “No centro de saúde do Barco de Valdeorras, do que depende todo o distrito sanitario, hai tres prazas de pediatría. Estas prazas de pediatras son para todo o distrito sanitario de Valdeorras; polo tanto a falla de pediatras afecta a todas as cativas e cativos do distrito; dende Viana do Bolo até Rubiá dende Manzaneda ao Barco ou de Larouco a Carballeda; máis de 2500 nenas e nenos dunha zona montañosa e con graves problemas de despoboamento. Unha comarca moi extensa e montañosa na que as distancias se fan máis longas debidas ás dificultades orográficas e os déficits de comunicación. Estas tres prazas neste momento están vacantes. Dúas das prazas son de mañá e unha de tarde”, sinalan os nacionalistas na súa moción.
Ademais lembran os nacionalistas que, “dende a pasada primavera as nais e pais de Valdeorras están denunciando a situación da atención pediátrica, veñen facendo mobilizacións, comunicando ao SERGAS a situación; explicando que esta situación se faría insostíbel a partir de outubro sen que o SERGAS dera ningunha solución a este grave problema”.
Ante esta situación dende o Bloque Nacionalista Galego apoíanse “estas xustas reivindicacións das nais e pais e demandamos, esiximos que se tomen medidas,que se cubran as prazas de pediatría, que se resolva”. Neste senso, a súa moción propón ao pleno do Barco un acordo para que o “Concello do Barco de Valdeorras insta á Xunta de Galiza a garantir a atención sanitaria en primaria ás nenas e nenos do distrito sanitario de Valdeorras por especialistas en pediatría de xeito permanente. Cubrir as prazas vacantes de pediatría existentes no centro de saúde do Barco de Valdeorras con persoal con esa especialidade”.
Así mesmo, pídese dar traslado deste acordo aos alcaldes e Corporación Municipais da “Veiga, O Bolo, Manzaneda, Petín, Larouco, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, Carballeda de Valdeorras e Viana do Bolo. Así mesmo, tamén dar traslado do acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, ao conselleiro de Sanidade, ao presidente do Parlamento Galego e aos portavoces dos partidos políticos con representación no Parlamento”.