PolíticaÚltima hora

O BNG levará ao pleno do Barco unha moción sobre os “riscos e graves danos que están sufrindo os animais” pola “aplicación abusiva do Real Decreto 666/2023, do 28 de xullo”

Os concelleiros do BNG no Barco./ Foto: O SIL.

 

Entre os puntos que se abordarán na sesión plenaria da Corporación barquense deste mes de maio figura unha presentada polo grupo municipal do BNG sobre “os riscos e graves danos que están sufrindo os animais domésticos e das entidade gandeiras pola aplicación abusiva do Real Decreto 666/2023, do 28 de xullo (RD 666/2023)”.

Neste senso, os concelleiros do BNG apuntan na súa moción que “os veterinarios (profesionais sanitarios), así como os propietarios de mascotas e as entidades ou agrupacións gandeiras, denuncian que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación está a aplicar o RD 666/2023 en contra da letra e do espírito da normativa europea (Regulamento (UE) 2019/6 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, sobre medicamentos veterinarios); e tamén en contra da Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), procedemento prexudicial asunto C-297/16, do 1 de marzo de 2018”.

Neste senso na súa moción plantexan o seguinte acordo, que será sometido á votación dos membros da Corporación barquense:.

“O Concello asume as reivindicacións dos profesionais sanitarios veterinarios, os donos dos animais de compañía e as entidades ou agrupacións gandeiras, e apoia a liberdade de prescrición veterinaria recollida no artigo 40.3.i) da Lei 44/2003, así como o respecto pola autonomía técnica e científica dos veterinarios no exercicio da súa actividade profesional. Igualmente, asumimos o compromiso de velar pola protección da dignidade dos animais e o seu benestar, cooperando con todas as Administracións Públicas en materia de protección animal, compartindo información que garanta o cumprimento dos obxectivos da protección dos dereitos e o benestar animal”.

“O Concello, no seu recoñecemento de que os animais son seres dotados de sensibilidade, comprométese a un diálogo activo, construtivo e intenso cos colectivos afectados, e recabará toda a información que lle sexa subministrada a fin de promover todas as políticas de recoñecemento e protección dos dereitos e o benestar dos animais, especialmente no relacionado coa liberdade de prescrición dos veterinarios e a saúde dos animais”.

“O Concello comprométese a que, naqueles ámbitos que non sexan da súa competencia pero que sexan necesarios para garantir a protección dos dereitos e o benestar dos animais, promoverá ante o Goberno da Comunidade Autónoma e/ou Deputación Provincial a adopción da normativa axeitada aos fins da protección dos dereitos e do benestar dos animais, especialmente no que atinxe á liberdade de prescrición veterinaria, e en concreto no uso de antibióticos, segundo o exercicio da súa lex artis, rigor científico e conforme á lei (art. 40.3.b), i) da Lei 44/2003), de acordo co Regulamento (UE) 2019/6 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, e cunha aplicación correcta e proporcional do RD 666/2023 que garanta a saúde dos animais”.

“O Concello comprométese a trasladar esta moción ao Congreso dos Deputados, de ser necesario, co fin de que o artigo 33.2 do RD 666/2023 sexa modificado para eliminar a imposición previa dun exame “laboratorial” como requisito para a prescrición dun antibiótico a un animal, adaptando así o texto ao Regulamento (UE) 2019/6″.

Artigos relacionados

Back to top button