PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no Parlamento galego dotar de “persoal suficiente aos departamentos que levan o rexistro vitícola”

Anunciábao esta mañá en rolda de prensa o deputado nacionalista Secundino Fernández, no Barco

 

Na situación Rexistro Vitícola Galego céntrase a proposición non de lei que o grupo parlamentario do BNG levará ao vindeiro pleno da Cámara galega en outubro. “O Rexistro Vitícola de Galiza, que leva en marcha dende os anos oitenta, é un instrumento técnico-administrativo esencial para o mellor coñecemento da situación real da viticultura galega. Este instrumento é competencia exclusiva da Xunta e da súa exclusiva responsabilidade”, dicía esta mañá no Barco en rolda de prensa o deputado nacionalista Secundino Fernández, na presentación da iniciativa. Estaba acompañado polos concelleiros do BNG no Barco, Manuel Agra, e na Rúa, Avelino Fernández, e por Roberto Quiroga.

Ademais detallaba as características deste rexistro “que trata de reflectir a realidade da superficie plantada de viñas e neste senso recolle datos relativos á identificación e localización das explotacións vitícolas, da súa titularidade (persoas viticultoras e propietarias ou as súas agrupacións) e das parcelas de viñedo que as constitúen (referencia catastral e características agronómicas: variedades de vinífera, ano de plantación…)”. E destacaba del a súa importancia “crucial para as explotacións vitícolas galegas. Por este motivo deberá manterse con información actualizada e fiable do potencial de produción vitícola”, tendo en conta ademais que a provincia conta con catro denominacións de orixe (unha delas compartida con Lugo).

 

 

Este rexistro “está suxeito a cambios nas características estruturais e agronómicas das parcelas de viñedo que integran as explotacións vitícolas e a súa titularidade e polo tanto está permanentemente á disposición das persoas viticultoras para calquera actualización/modificación dos seus datos”, engadía o parlamentario do BNG, sinalando ademais que na provincia unicamente hai dúas persoas encargadas deste rexistro, o que conleva “problemas e retrasos nos trámites, que son ademais obrigatorios, de ata un ano, coas conscuencias negativas que isto supón para os viticultores”.

Neste senso a iniciativa que o BNG levará ao Parlamento galego pedirá “dotar de persoal suficiente aos departamentos que xestionan o rexistro vitícola, concretamente no referente a DO de Valdeorras, resolver rapidamente os expedientes de actualización modificación do rexistro vitícola instados polas persoas viticultoras e solucionar de oficio os déficits que ten o rexistro vitícola de Valdeorras”.

Este mesmo tema será levado, a través dunha serie de preguntas, á Comisión sétima do Parlamento galego.

Fotos e vídeo: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button