PolíticaÚltima hora

O BNG pide a Transportes que rectifique a decisión de recortar paradas na estación da Gudiña

Carme da Silva alerta de que a supresión de trens en horario clave prexudica gravemente as comarcas de Monterrei e Valdeorras, así como outras zonas limítrofes

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Senado en que exixe ao Ministerio de Transportes que rectifique de inmediato a súa decisión de eliminar frecuencias de alta velocidade na estación da Gudiña, coñecida como “Porta de Galiza”, a partir do vindeiro 9 de xuño. O novo plan de servizos de Renfe contempla a supresión de varias paradas nesta estación, o que supón, segundo denuncia o BNG, un novo golpe á conexión ferroviaria do interior galego.

A senadora nacionalista Carme da Silva advirte que “estes recortes son totalmente inxustificados e afectan gravemente ás comarcas de Valdeorras, Verín e mesmo ao leste da provincia de Zamora, que tiñan nesta estación un punto clave para desprazamentos rápidos cara Madrid e outras zonas do Estado”.

Entre os recortes máis graves destaca a eliminación dos trens madrugadores desde A Gudiña cara Madrid, ás 8:28h e ás 9:14h, e do último servizo da tarde, ás 19:27h. Isto deixa un oco de varias horas que imposibilita realizar xestións en Madrid no mesmo día. Segundo a senadora do BNG, “o tren das 8:28h permitía chegar a tempo a reunións ou conexións con outros trens en Madrid, e agora desaparece sen alternativa real”. Pola mañá só se manterá o servizo das 12:08h, e pola tarde os únicos trens dispoñíbeis quedarán ás 15:34h e 17:45h.

En sentido inverso, tamén se suprimen frecuencias desde Madrid, pasando o primeiro tren da mañá das 6:15h ás 8:25h, e adiantando o último da tarde das 19:17h ás 18:06h. “Reducir os horarios á metade e eliminar as opcións máis útiles é un despropósito que illará máis aínda á comarca” subliña da Silva.

O BNG lembra que esta zona arrastra un déficit histórico en servizos ferroviarios e reclama melloras urxentes na liña Ourense-Ponferrada-León, así como máis frecuencias entre O Barco e Ourense, que actualmente só conta con dúas ao día.

A senadora tamén critica que “mentres se anuncian melloras para outras conexións, Lugo volve quedar totalmente á marxe e a Gudiña perde servizos sen ningún criterio xustificable”. Por iso, o BNG pregunta ao Goberno cal é o motivo destes recortes e se Renfe ten disposición a rectificar.

“O que cómpre é reforzar o ferrocarril como alternativa de mobilidade sustentábel e non seguir castigando ao interior de Galiza cun abandono planificado” conclúe da Silva.

 

Back to top button