PolíticaÚltima hora

O BNG pídelle á Xunta que asuma os custos dos Conservatorios de Música “por ser competencia súa”

Presentará esta reclamación no Parlamento apoiada por centos de sinaturas

Entrada ao Conservatorio Municipal de Música do Barco./ Foto: O SIL.

 

O BNG vén de anunciar a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia para pedir que a Xunta “asuma a xestión e o custo dos conservatorios municipais por ser unha competencia da administración galega que están asumindo os concellos con recursos municipais”.

Concelleiros do BNG acompañados da deputada e portavoz de Educación no Parlamento Galego, Cristina Fernández, informaron de que a iniciativa será presentada co apoio de centos de sinaturas de familias usuarias dos conservatorios, así como de veciñanza que apoia esta reivindicación.

“A formación que se presta nos Conservatorios é fundamental para moitas familias”, sinalaron, e lamentaron que “mentres os Concellos asumen os custos deste servizo que lle corresponde á Xunta, contan con menos recursos para atender os servizos municipais e as necesidades da veciñanza”.

A deputada Cristina Fernández incidiu nos “prexuízos que causa para os concellos este abandono do goberno do PP na Xunta”. A parlamentaria nacionalista declarou que “os Conservatorios de música municipais representan na actualidade unha carga económica importante para os Concellos que os asumen e ademais supoñen un problema para a súa xestión e unha discriminación para o alumnado e o profesorado, ao non contar cos mesmos recursos que os Conservatorios que xestiona a Xunta”.

Así mesmo, o Bloque insta a Xunta a que, “en tanto planifica a asunción das súas competencias, convoque axudas para que os Concellos poidan cubrir os custos da súa xestión, colabore na substitución ou cobertura de prazas vacantes ou que proporcione as ferramentas informáticas que se precisen”.

O BNG do Barco xa presentara unha moción -que foi aprobada- no pleno de setembro de 2024 na que se pedía que a Xunta asumise o custo do Conservatorio de Música Municipal barquense, o único existente no oriente ourensán.

 

Artigos relacionados

Back to top button