ConcellosÚltima hora

O BNG pregunta no pleno do Barco sobre o proxecto da senda verde en Viloira e polo cambio de dirección en Veigadecabo

O voceiro do BNG, Manuel Agra, durante a súa intervención./ Foto: O SIL.

 

No decurso da sesión plenaria celebrada o 6 de setembro pola Corporación municipal do Barco, o grupo do BNG interesábase, no apartado de rogos e preguntas, pola situación do proxecto da senda verde do Sil que o grupo de goberno socialista pretende levar a cabo en Viloira. En concreto o concelleiro nacionalista Manuel Agra quería saber o motivo polo que o proxecto deste sendeiro se levaba por vía urxencia á Comisión de Obras, celebrada a finais de agosto, e, sen embargo, non se incluía na orde do día deste pleno de setembro. Ademais o edil do BNG preguntaba por que non se lles deu contestación aos veciños que presentaron alegacións a este proxecto o pasado mes de marzo.

O alcalde do Barco, Alfredo García, respondía que ese proxecto “meteuse por urxencia na comisión porque o técnico que fixo o expediente dende o principio estivo en funcións de secretaría no mes de agosto, mentres a secretaria estivo de vacacións. Eu contaba con que estivera rematado o expediente antes de convocar a comisión e polo tanto non iría por urxencia, despois o día que se convocou a comisión non estaba rematado o expediente, co cal finalizouse o día antes e decidimos levalo por urxencia. Por outra banda, este luns (2 de setembro), incorporouse a secretaria, démoslle unha volta ao expediente e, como aquí está implicada tamén dalgún xeito a Deputación de Ourense porque comprometeuse a levar a cabo o expediente de expropiación, pois falamos ese mesmo día coa técnica desta administración que fai informes xurídicos, para mandarlle o expediente e estaba de vacacións. En breve vaise incorporar e vai mirar para que nesa coordinación que debe haber entre o Concello e a Deputación non haxa ningún oco. Estamos esperando ese último informe para coordinar todo isto ben. Cando o teñamos no noso poder, volverá outra vez á comisión e posteriormente a pleno”.

Sobre a non contestación por parte do Concello do Barco ás alegacións presentadas polas persoas afectadas pola expropiación na zona de Viloira, Alfredo García, respondía que “evidentemente non se fixo porque a norma nolo permite, a norma o que di é que ten aprobar o pleno o expediente e, unha vez que estea aprobado ese expediente, nel consta a resposta de cada alegación e ese é o momento no que se lles notifica aos interesados”.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García./ Foto: O SIL.

 

Sentido único en Veigadecabo

Por outra banda, o nacionalista Manuel Agra, recollendo unha petición veciñal presentaba como rogo que, “antes de tomar unha decisión sobre o sentido único de Veigadecabo, falen coa veciñanza, polo menos hai once veciños que asinaron alegacións e pensamos que o Concello, cando menos, debe escoitalos”.

Nese senso, o rexedor barquense aseguraba que “por esa estrada circulan moito máis de 11 veciños, polo tanto non é cuestión do que digan 11 veciños, que probablemente dende que presentaron o estudo algún probablemente mudou de opinión, é cuestión de seguridade, e iso é o que temos que ter en conta. E ese acordo de poñer sentido único nesa zona xa se debateu na Corporación pasada porque era un perigo e supoñía dificultades para moitísima xente cando se atopaba cun coche que viña de fronte e tiña que dar marcha atrás nunha rúa moi estreita. Ademais do perigo que ten para a xente que sae da porta da casa e, de pronto, atópase cun coche que pode levalo por diante. Intentaremos falar cos veciños, pero temos un informe taxante da Policía que di que está ben como está e imos seguir nesa decisión”.

Outro dos rogos que presentaban os nacionalistas referíase a unha mellora da coordinación en emerxencias para evitar que situacións como a que se daba o pasado 3 de agosto, “un día no que habendo moitas actividades o parque comarcal de bombeiros estaba pechado e o GES tamén estaba pechado”. O alcalde comentaba que xa se puxo en contacto cos responsables do parque para que en caso de darse esas situacións, se puidera compensar co GES Valdeorras.

Finalmente, o BNG lembraba a petición que lle facía ao grupo de goberno socialista na sesión ordinaria de novembro de 2023, para que os plenos se retransmitisen en directo. “Ademais no pleno de xuño deste ano 2024 aprobouse por unanimidade unha moción do BNG para retransmitilos, non se esquezan do tema, por favor, porque cremos que é importante”. Neste senso, Alfredo García indicaba que o concelleiro Aurentino Alonso xa se puxo en contacto cunha empresa, “estamos traballando niso e eu espero que en breve poidamos gravar os plenos e transmitilos en directo”.

Back to top button