O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas “Mini”, denunciou no Parlamento a “inacción do goberno” ante a praga da velutina. O deputado demanda “medidas urxentes e investigación sobre o comportamento da avespa, que está a ameazar gravemente a saúde pública e o equilibrio medioambiental”.
Rivas lembrou que o pasado ano foron retirados 24 000 niños de velutinas, e recalcou que a avespa está a causar importantes perdas na apicultura, na fruticultura e na polinización. Así, insta ás consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente a incidir na información para que a poboación saiba como reaccionar ante os ataques da velutina.
Por outra parte, denuncia que ambas consellerías manteñen unha “actitude escurantista e continúan desviando a responsabilidade ás deputacións e concellos obrigados a investir catro veces máis que a propia Xunta na loita contra a praga”.