Eleccións Xerais 26-XPolítica

O BNG reivindica en Ourense a necesidade de recuperar a presenza no Congreso

“Nós sempre fomos lealmente a defender os intereses de Galiza”, lembrou a voceira nacionalista, Ana Pontón, que se desprazou até a cidade para arroupar á candidata ourensá á cámara baixa
Ana Pontón, nun momento do mítin.
Ana Pontón, nun momento do mítin.

Os siareiros e simpatizantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) coincidían a tarde do mércores 15 no acto central de campaña que se celebraba no Auditorio de Ourense. O obxectivo era arroupar e mostrar o seu apoio a Noa Presas, a candidata da formación nacionalista ao Congreso dos Deputados nas vindeiras eleccións xerais do 26X. Entre eses apoios, a ourensá tamén contou coa presenza da voceira nacionalista Ana Pontón, que reivindicou a necesidade de recuperar a presenza do BNG na cámara baixa.

Pontón e Presas fúndense nunha aperta.
Pontón e Presas fúndense nunha aperta.

Ante deceas de persoas, Pontón definiu o papel do Bloque coma o defensor dos intereses dos galegos. “Nós non temos que esconder o noso pasado, podemos dicirlle á xente que sempre estivemos dando a cara polos galegos e galegas”, explicaba sobre as táboas. No seu discurso, que por momentos aceleraba en ritmo e intensidade, foron saíndo verbas como “honestidade” ou “lealdade”. Todos conceptos, segundo ela mesma explicou, atribuibles ao partido nacionalista. “Nós sempre fomos lealmente a defender os intereses de Galiza”, dixo, e rematou amosándose convencida de que lograrán voltar a Madrid: “Volveremos estar no Congreso dos Deputados, porque Galiza necesita nacionalismo para ter futuro”, puntualizou.

Presas, esta tarde, no auditorio de Ourense.
Presas, a tarde do mércores, no auditorio de Ourense.

Entre aplausos, a voceira sumiuse nunha aperta coa candidata, Presas, que collía con forza o atril para animar aos seus. “Queremos vivir sen medo a que os nosos servizos básicos se vaian fóra”, manifestou. Ante o público, a ourensá criticou duramente a actual política tributaria e de financiamento e pediu o voto para cambiar o sistema: “non é xusto que vaian 12 millóns para Madrid dos nosos impostos e que non veñan todos para decidirmos nós, dende aquí, en que os gastamos, se en sanidade ou na Casa Real”, exclamou.

Presas ve o papel do BNG como crucial para pór fin ao que denomina como “discriminación” e márcase como obxectivo “garantir que Galiza sexa unha condición do debate político, e non un anexo”. Para rematar, alentada polos simpatizantes que rompían a aplaudir cada pouco, a candidata arremeteu contra os deputados “autodenominados galegos que collen o tren para Madrid” e considerou matizar que “Ourense non pode ser só unha parada do AVE”. “Nun contexto sen maiorías e con debates abertos como o finaciamento, pídovos que apoiedes ao BNG como única garantía de comprometerse a botar ao PP”, concluíu.

Fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button