ConcellosO BoloÚltima hora

O Bolo acollerá, o 18 de xuño, unha xornada para analizar as oportunidades do sector vitivinícola e dos soutos

O Bolo./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O xoves 18 de xuño a partir das 19horas, o Concello do Bolo celebrará a I Xornada da Vide e da Castaña das Terras do Bolo, un encontro concibido para “reflexionar sobre o presente e o futuro de dous sectores estratéxicos para a identidade e a economía deste municipio como son a viticultura e a produción de castaña”.

Trátase dun encontro aberto aos veciños e persoas interesadas no que se analizarán os retos e as oportunidades que presentan estas dúas actividades, nun contexto marcado pola necesidade de dar pulo ao desenvolvemento rural e contribuír a fixar poboación no territorio, que terá lugar no Centro Coworking, e reunirá a profesionais, produtores, técnicos e representantes de ambos os sectores.

Nesta liña, o alcalde do Bolo, Miguel A. García Fariñas, destaca a importancia desta iniciativa sinalando que “o viño e a castaña forman parte da nosa historia e da nosa paisaxe” e facendo fincapé en que “a xornada nace coa vocación de abrir un espazo de diálogo e reflexión que permita poñer en valor experiencias de éxito, compartir coñecemento e explorar novas oportunidades de futuro para ambos os sectores, contribuíndo ao desenvolvemento sostible, á conservación do territorio e á xeración de actividade económica e emprego no rural”.

O programa arrincará ás 19 horas coa apertura institucional da xornada e continuará coa conferencia “As posibilidades da viticultura no concello do Bolo”, impartida polo viticultor e adegueiro Rafael Palacios Muro, unha das figuras máis recoñecidas da viticultura española e referente internacional na elaboración de viños de alta gama a partir da variedade godello plantada no Bolo.

 

 

Posteriormente, celebrarase unha mesa redonda baixo o título “O futuro do sector vitivinícola nas terras altas do Bolo”, na que participarán o enxeñeiro técnico agrícola e viticultor Daniel Vizcaya López e o propio Rafael Palacios Muro, que analizarán as perspectivas de desenvolvemento do viñedo neste territorio.

Tras unha pausa na que se degustarán viños da D.O. Valdeorras, da que forma parte o Concello do Bolo, a xornada continuará coa conferencia “A situación do sector da castaña en Galicia”, a cargo de Manuel López Vilariño, secretario do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia e unha das voces máis autorizadas para analizar a evolución e os retos actuais dun produto estratéxico para o desenvolvemento económico de amplas zonas do rural galego, especialmente da provincia de Ourense.

A continuación, desenvolverase a mesa redonda “O futuro dos soutos de castiñeiros no Bolo”, na que participarán o produtor local e membro da Asociación de Propietarios de Soutos De Cambela–Os Palmeiros, Francisco Álvarez Carballo; o maiorista de castañas Jacobo Álvarez García; e o propio Manuel López Vilariño.
O foro concluirá cun acto de clausura no que se recollerán as principais conclusións e reflexións achegadas ao longo do encontro.

A organización desta xornada conta co apoio e co financiamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, no marco das subvencións destinadas a proxectos promovidos por entidades locais para impulsar a innovación territorial, a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra a despoboación.

Back to top button