“O Bolo é o que aquí vemos hoxe… xuntanza, hospitalidade, bo ambiente e lembranza de tempos pasados. Atributos que nos permiten sacar peito, porque sabemos que estamos nun lugar único, nunha terra que nos enche de orgullo, que nos emociona e que nos fai sentir verdaderamente afortunados”. Con estas palabras e tres sonoros vivas, remataba o pregón que na mañá deste venres 14 de agosto marcaba o inicioda IV Feira Irmandiña do Bolo.

O seu autor, o investigador vianés Carlos X. Ares, falou da súa relación co concello especialmente fermosa neste 2026 pois ademais do pregón, “tamén hai uns meses que tiven a sorte de entrar a formar parte como padroeiro da Fundación Yosso-Xosé de Valbuxán, da man de Manolita, da nosa presidenta Marina e de toda a entrañable familia dese xenio que foi Yosso. A través desta fundación a bo seguro que, con traballo e co apoio das institucións, poremos en valor o seu legado e a súa lembranza. E ademais, vou ter tamén o pracer de colaborar nun proxecto co que a mocidade local vai a lograr, con toda seguridade, que o entroido do Bolo acade o recoñecemento que tanto merece”.

Tamén falou do seu vínculo co Bolo “que vén de lonxe, xa que por parte materna teño as miñas raices en Celeirós, nas Ermitas e nas Escadas, aldea da que case poderiamos dicir que tamén, por proximidade, forma parte deste lugar”. Por iso agradeceu a súa presenza en nome de dúas persoas moi importantes e de gran recordo na súa vida “o meu avó Pepe de Celeirós e a miña avoa Maruja das Escadas e das Ermitas. Non me cabe ninguna dúbida de que hoxe, dende onde nos estean vendo, vanse sentir moi felices e orgullosos de ver a un dos seus netos falar da terra que foi e que segue sendo a súa, de dúas aldeas que foron o seu fogar e que unían a través da vella ponte da Teixeira, que o avó cruzaba para ir mocear coa mais fermosa das rapazas, de quen por certo gardo, con especial cariño, a medalla da súa eterna Virxe das Ermitas”. E en Celeirós naceu a súa nai, “naquela porta verde que viamos dende a estrada cada vez que pasabamos polo cruce da general. Así que, en nome do Pepe, da Maruja e da miña nai Pili, graciñas de novo por traelos a todos de volta á súa casa”.

Dando unhas pinceladas sobre os feitos que hoxe se recrean na feira, “aquel puñado de valentes que, nos inicios da segunda década do Século XV, erguéronse a peito espido para loitar contra a opresión e as inxustizas, en definitiva, para buscar un mundo máis libre, máis xusto e no que a igualdade fose o camiño polo que transitar”, Carlos lembrou as amezas que seguen vivas hoxe “loitando polo mesmo mentres nos vernos obrigados a soportar actos como os que suceden en Palestina. en Ukraina ou no Sahara Occidental”, rematando cunha bonita descrición do Bolo. “Un fermoso concello que foi inmortalizado en lenzos e libros polo xa citado Yosso, e que está cheo de riquezas etnográficas e de tradicións que poñen en funcionamento os cinco sentidos. O oído, que nos permite escoitar ao Xudas estoupando á beira do Bibei; a vista, que nos trae imaxes tan icónicas como as do Xigante que en Celavente domina ó Touro; o gusto, co que saboreamos as lendas que nos adentran nunha cova das Ermitas; o olfacto, que nos deixa o arrecendo das seituras ás que Jacinta lles cantaba dende Lentellais; e o tacto, que nos leva a acariñar as cintas das Mázcaras de Buxán, mentres xiran ao ritmo dunha danza que enche o inverno do Bolo de luces e de cor”.

Da fermosura do concello falaba tamén o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, asegurando que a Feira Irmandiña do Bolo “pon en valor o patrimonio, a cultura e as tradicións”. Díxoo durante a inauguración da cuarta Feira Irmandiña do Bolo, un acto celebrado na contorna do Castelo do municipio.

Na súa intervención, Eladio Santos subliñou que esta cita é “unha iniciativa que pon en valor o patrimonio, a cultura e as tradicións desta terra e que contribúe a facer do rural ourensán un destino turístico cada vez máis atractivo”. Nesta liña, lembrou que esta cuarta edición da feira forma parte dos plans turísticos do Bolo financiados por unha axuda de 180.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para promover accións innovadoras de dinamización territorial e combater o despoboamento, o que amosa “o compromiso do Goberno co apoio aos proxectos que xeran oportunidades no rural”.

No acto participaron tamén o alcalde do Bolo, Miguel Ángel García e delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e otros membros do goberno local, moitos vestidos de época para un evento “que une unha parte da historia do castelo do Bolo coa recuperación de tradicións como as feiras que promocionan produtos locais e feitos a man” e cuxa idea parte “dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución”.

Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o concello promocionan e poñen en valor. Nesta cuarta edición haberá case 30 postos de diferentes produtos de artesanía e gastronomía, entre eles un con produtos locais que non poden estar presentes por traballo. A feira estará aberta ata as 20 horas. Durante todo o día haberá catro ocasións de coñecer a historia do castelo e visitalo de balde. Ademais da segunda edición do concurso de vestimenta de época para nenos e adultos e a exhibición de materiais de época medieval.

Fotos: Mónica G. Bellver.
Máis información e fotos:
Enogastronomía, artesanía e actividades infantís, na contorna do Castelo do Bolo