EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O branco A Quinta das Tapias (Monterrei) e o tinto Prómine Singular (Ribeira Sacra), mellores viños de Galicia

Esta tarde entregábanse en Boqueixón os premios da XXXIV Cata de viños de Galicia

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o sector vitivinícola como garante do progreso económico de Galicia e do desenvolvemento das potencialidades do rural. O titular do Goberno galego presidiu hoxe a entrega dos premios da XXXIV Cata de viños de Galicia, XXIV Cata de augardentes de Galicia e XI Cata de licores tradicionais en Boqueixón, un evento que a Xunta organiza da man das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas e no que estivo acompañado, entre outros, polo conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.

Nesta Cata recoñecíanse como mellores viños galegos en brancos o Quinta das Tapias da Adega Tapias Mariñán, da Denominación de Orixe Monterrei, que levaba o acio de ouro, mentres que o mellor tinto galego era o Prómine Singular de Bodegas Petrón SL, da D.O. Ribeira Sacra.

 

 

No acto, Alfonso Rueda subliñou o apoio da Xunta ao sector vitivinícola galego “porque somos conscientes da transcendencia que ten na nosa economía e na imaxe que reflicte de Galicia”. Indicou que non só forma parte da cultura propia senón que é tamén clave no desenvolvemento económico e social da Comunidade, na súa proxección turística e na súa capacidade para xerar emprego e para fixar poboación no rural.

Integrado por máis de 10.000 viticultores e preto de 500 adegas que achegan un valor económico de máis de 230 millóns de euros cada ano, as expectativas do sector non deixan de medrar. De feito, o presidente da Xunta salientou que un terzo das peticións para fondos europeos dentro da orientación produtiva agrícola son para viñedos. “Estamos diante dun sector cargado de futuro”, indicou o titular do Goberno galego.

Alfonso Rueda destacou a calidade dos produtos presentados ao certame e puxo en valor as catas como escaparate da viticultura galega. “Todos saímos gañando e todos sodes gañadores porque Galicia etiqueta calidade”, dixo o presidente da Xunta.

Mercado dixital dos produtos galegos de calidade

No marco do acto, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presentou o mercado dixital dos produtos galegos de calidade, un portal no que estas producións se poden vender e mercar, garantindo as mellores prácticas e promocionando un consumo de proximidade e de calidade.

Así, a través do portal dedicado ás 36 experiencias de calidade galegas (https://experienciasdecalidade.gal/gl) pódense comprar xa -dende calquera punto de España- os viños, augardentes, licores tradicionais, queixos e meles premiados nas Catas de Galicia 2021, aínda que de xeito paulatino se irán incluíndo tamén o resto de produtos con distintivo de calidade.

Artigos relacionados

Back to top button