“Este é un Camiño que empezou hai cinco anos, con varias etapas, e que por fin chega a onde quería: a Santiago”, dicía a pintora de Millarouso (O Barco), Lola Doporto o 17 de xullo na inauguración da súa nova exposición, no Mosteiro de San Martín Pinario, en Compostela, baixo ese mesmo título.
É un Camiño que se iniciaba, de forma inesperada, nunha tarde de hai cinco anos, mentres a artista visitaba a Catedral de Ourense e os raios que pasaban polo rosetón iluminaban e enchían de cor o Pórtico do Paraíso. “Aí empezou a miña admiración pola obra do Mestre Mateo, e eu quixen facer algo, dende a miña humildade que representara a súa obra. E así xurdiu a idea de emepzar pintando a Santiago, a músicos trompeteiros, aos anciáns do Pórtico da Gloria, e, como había música, entón había festa e alegría e, ademais, pensei en meter o que a min máis me gusta que son personaxes da cultura popular galega: pandeiretairas, unha pulpeira…”, continuaba Doporto, repasando as figuras dos 25 cadros desta mostra, acompañada, xa fóra dos lenzos, polos seus singulares manequíes, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de setembro.

Nesta escolma da súa pintura pode ademais comprobarse a evolución da súa temática, estilo e técnica pictórica, xa que inclúe algún dos seus primeiros cadros, coas marionetas como protagonistas. “Uns cadros que son a etapa máis duro, xusto cando acabei os tratamentos de quimioterapia, é un cadro duro, pero ten moito significado para min. Quixen traelo porque dixen ten que ir ver ao Apóstolo e imos tdos en camiño”, engadía Lola Doporto. Un Camiño, polo tanto, artístico pero tamén profundamente persoal, no que seguía a ruta do Camiño de Inverno, dende Millarouso, tal e como ela mesma matizaba.
Na inauguración de “Camiño”, a pintora valdeorresa estaba arroupada pola súa familia e amigos, entre eles o seu mentor artísticos Antón Pulido, pero tamén por diversas autoridades como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. “Penso que a obra de Lola está nun sitio adecuado como é San Martin porque o contido dos seus cadros posúe un claro espírito en torno ao Mestre Mateo e ao Camiño. Ela sabe moi ben que os camiños son longos e teñen dificultades e, a través da súa pintura, transmítenos unha mensaxe de ánimo e de superación das adversidades, eu creo que foi un acerto que conseguiramos esta exposición en Santiago para que desfrute moita xente”, aseguraba Santalices.
Ademais acudía ao acto o arzobispo de Santiago, monseñor Francisco J. Prieto, para quen supuxo “unha sorpresa descubrir a Lola non a coñecía, e tamén acollela aquí a ela e a súa pintura. Descubrir a Lola a través da súa pintura, da súa traxectoria, dese “Camiño” persoal e vital, un camiño que coñeceu a ferida e a fraxilidade, que penso que é das experiencias humanas máis auténticas e que máis nos humaniza. O feito de compartilo a través da pintura, non é doado. Non é fácil a través do pincel expresar o que vives, o que sentes, a forza , a vitalidade, a fraxilidade que che resta forza, pero segues a pintar, a grandeza da arte é que fala e fainos falar a todos”.

Nese “Camiño” como experiencia e aprendizaxe pola temática do Mestre Mateo e do propio Camiño das Estrelas, Doporto vai incorporando óleos nas que amosa a súa especial querencia polos paxaros, como os que poden verse no cadro do Arcebispo Xelmírez ou outras nas que recupera da memoria a figuras da tradición popular como as pulpeiras de Arcos (O Carballiño) ou os gaiteiros Faustino e Elisa (de Bendilló).
A mostra conta cun coidado catálogo que conta, entre outras colaboracións, coa do escritor e poeta Xosé Luis Méndez Ferrín quen convida ao espectador a mergullarse no universo pictórico de Lola Doporto. “Con cada vista, ela invádenos coa seus cadros no máis profundo da maior raiola de luz e esta vez con destino a Compostela con centro indirecto en San Martiño Pinario. Abride os ollos e deixádevos despois a noite, cando vos deitedes que lembredes os cadros, as formas, o clima plástico. Lola Doporto insúanos un camiño que hai dentro de vós. Seguídeo”.
Fotos cedidas.
