O campus universitario de Ourense, pertencente á Universidade de Vigo (Uvigo), suma unha nova titulación á súa oferta formativa. A partires do vindeiro curso académico, impartirase o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, o primeiro en Galicia e un dos dez existentes a nivel español. Convértese así a provincia no “vértice” da formación e a “captación de talento do polo aeronáutico galego”. Son palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que presidiu esta mañá o acto de presentación xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entre outros.
O acto tivo lugar na Delegación da Xunta en Ourense e a el acudiron outros dirixentes como o presidente da Diputación, Manuel Baltar, que calificou o día de hoxe como “grande” ao entender que con esta titulación a provincia se sitúa como “referente no coñecemento aerospacial”. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, ou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, foron outras das caras máis visibles deste lanzamento.
O titular da Xunta destacou que coa implantación deste grao pecharase o triángulo do coñecemento aeroespacial, que permitirá aproveitar as sinerxías existentes entre a formación académica, a investigación punteira pública e privada e a industria do sector.
Dixo tamén que esta é unha titulación “moi demandada e valorada” que actualmente só se imparte en dez universidades en toda España e mostrouse convencido de que Galicia “pode liderar” un sector “con moito valor engadido e potencial de crecemento”.
Por outra banda, o reitor da Uvigo sinalou que esta nova carreira en Ourense “dotará de músculo ao incipiente sector aeronáutico e aeroespacial galego”, e remarcou que o deseño curricular se fixo “tendo en conta o tecido empresarial e produtivo galego e as súas necesidades”.
En canto aos detalles da nova oferta formativa, o secretario da Xunta de Titulación de Enxeñaría Aeroespacial e próximo director-comisario da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Anxo Formella, concretou que o grao contará cun total de 240 créditos distribuidos en catro cursos académicos. 50 serán as prazas destinadas a estudantes nesta primeira promoción e poderán especializarse en Aeronaves ou en Equipos e Materiais Aeroespaciais, dous dos cinco itinerarios curriculares estipulados para estes estudos. Tan só falta por definir, segundo matizou Formella, a ubicación da escola no campus de Ourense. Polo demais, “todo está listo, só nos faltan os estudantes”, concluíu.