Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima horaVídeos

O candidato popular Xosé Manuel Merelles fai balance da campaña electoral realizada en Valdeorras

 

O valdeorrés Xosé Manuel Merelles, número 11 da lista do PP por Ourense ás eleccións do 18 de febreiro, reunía esta mañá aos medios nun almorzo informativo no Pazo do Castro (O Barco) no que facía balance da campaña electoral realizada na comarca. Así, repasaba as reunións e encontros mativos e algunhas das propostas do programa do PP para lograr que “Valdeorras despegue de xeito definitivo en diferentes eidos -promoción económica e industrial, servizos sociais e sanidade, dinamización comercial, emprendemento, posta en valor do sector primario ou creación e defensa de postos de traballo”, entre outros.

Merelles incidía na importancia de “poñerse a traballar na A-76 con ganas e dun xeito decidido” e manifestaba “un compromiso co ferrocarril porque realmente vemos que está desmantelado practicamente dende despois da pandemia, reducíronse servizos e é case inexistente o servizo de transporte de viaxeiros, a isto hai que unirlle tamén ás obras entre Ourense e Monforte que son un atranco para as comunicacións dos valdeorreses. Por parte da Xunta temos ese compromiso de poñerse a traballar para axeitar a OU-533, para que Valdeorras estea mellor comunicado coa Gudiña e todas as comunicacións interiores por estrada”.

 

 

Así mesmo, o candidato expresaba o compromiso do PP “co tecido industrial de Valdeorras a través dos grandes eixos produtivos que son a lousa, as súas industrias auxiliares e o viño, tamén o noso compromiso cos traballadores autónomos. O PP aposta por xerar máis sinerxías entre os tecidos industrial e comercial e aí probablemente Valdeorras teña unha oportunidade para potenciarse, e por suposto, o noso compromiso co despegue turístico de Valdeorras porque cremos que ten un amplo potencial. Aí está ese plan de sostibilidade turística no que xa se está empezando a traballar, cun investimento de 1,5 millón de euros, que é certo que non é un gran investimento para a comarca, pero vai sentar os alicerces para un gran futuro, que vai ter como elementos fundamentais, o enoturismo no que Valdeorras ten unha potencialidade tremenda; o turismo de natureza e a gastronomía, fundamentalmente, e mesmo o turismo cultural. Penso que coa chegada do AVE a Galicia as comunicacións de Valdeorras van mellorar para poder atraer visitantes, sempre que o goberno central optimice as frecuencias dos trens de alta velocidade e poñe en servizos os trens Avril”.

Xosé Manuel Merelles explicaba que, “se hai un goberno do PP, hai un compromiso persoal pola miña banda para promover ese despegue turístico de Valdeorras, que agora mesmo se está xerando, penso que coas axudas que temos para o enoturismo hai xente que se vai animar, e así o puiden comprobar visitando algunhas adegas da D.O. Valdeorras”.

 

 

O candidato popular incidía así mesmo no valor e potencial do Camiño de Inverno, “hai que crer no Camiño porque posúe un potencial tremendo. Temos 1,5 millón de euros para o Camiño de Inverno. A xente que vén a facer o Camiño e, se ten unha experiencia agradable, volve como visitante”.

Xunto a isto, manifestou que o compromiso de Alfonso Rueda e de todo o Partido Popular “coa nosa comarca está fóra de toda dúbida”. Neste sentido, situou ao seu partido como “garante para reivindicar as infraestruturas pendentes de construción, longamente demandadas, para que Valdeorras deixe de estar illada”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button