Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

O candidato socialista Eladio Santos reúnese co presidente do Consello Comarcal do Bierzo

 

Esta mañá o número catro da lista do PSdeG ao Parlamento de Galicia, Eladio Santos; reuníase co presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Olegario Ramón, e ofrecía unha rolda de prensa á que tamén asistía o alcalde do Barco, Alfredo García. Eladio Santos apuntaba que o goberno conxunto de PP e Vox en Castela e León “é un exemplo claro das cousas que temos que evitar nas eleccións galegas, onde temos que ganar o partido socialista con Besteiro e descabalgar ao PP do goberno e das institucións porque é o único que introduciu nas institucións a un partido ultradereitista”.

Pola súa banda, Olegario Ramón referíase ás diferenzas que existen cando nun goberno “as decisións as toma o PP e cando as toma o PSOE, porque nas eleccións galegas estanse xogando moito. Un tema recorrente é o da A-76, un tema no que o PP puido ter avanzado e non o fixo e cando chegou o partido socialista tivo que empezar practicamente de cero. No tramo berciano estase facendo xa o proxecto, 120 millóns de euros que van ser licitados antes de que acabe o 2024 e con puntos moi complicados. Agora mesmo estase facendo o proxecto”.

No referente ao ferrocarril Ramón aludía á variante do tramo do Manzanal, cuxo estudo de viabilidade xa saíu á licitación e dirá cales son as alternativas para determinar cal é a mellor solución, o goberno de España ten previsto investir 325 millóns de euros nesta liña”.

 

Así mesmo o presidente do Consello Comarcal do Bierzo apuntaba que “estanse facendo investimentos moi importantes como a circunvalación do Barco, iso é compromiso co territorio, con eliminar desigualdades. Na nosa comunidade autónoma, Castela e León, non temos a mesma situación, somos o coelliño de Indias onde experimentamos o pacto de goberno entre PP e Vox”. Nese aludía a problemáticas nos servizos públicos, cunha referencia especial ao eido sanitario.

Pola súa banda, Eladio Santos comentaba que “Bierzo e Valdeorras compartimos cuestións como os padecementos en sanidade, falta de atención á sanidade pública o cal confirma que non se trata dun elemento circunstancial e pasaxeiro, senón dun proxecto do PP, desmantelar a sanidade pública en beneficio da privada. E logo está e falta de interese polos servizos públicos en xeral. Contra iso hai que ir votar o 18 de febreiro”, concluía o candidato socialista.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button