OurenseÚltima hora

O Carballiño celebra a súa 64ª Festa do Pulpo, un referente internacional

 

Milleiros de persoas dábanse cita este mediodía no Parque Municipal do Carballiño para desfrutar dun manxar moi especial na  64ª Festa do Pulpo desta localidade, que neste domingo celebraba o seu día grande. Nesta xornada, na que vila se converte nun referente do turismo gastronómico, estímase que se chegan a consumir uns 50.000 quilos de polbo á feira.

 

 

O acto inaugural desta festa contaba coa asistencia do alcalde en funcións do Carballiño, José Castro-Gil; o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, así como o resto do goberno municipal, ademais do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Emprego, José González; do director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e do deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, entre outras autoridades, como o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

 

 

Ademais, esta edición a Festa do Pulpo do Carballiño estaba dedicada nesta ocasión á illa canaria de Lanzarote polos lazos históricos que unen aos dous territorios, e tamén se contaba con representación deses lugares.

Con esta xornada poñíase o broche de ouro a 21 días de programación cultural e lúdica, nos que pasaron pola vila milleiros de persoas que desfrutaron de concertos, teatro, actividades infantís e citas tan especiais como a elaboración da tapa de pulpo máis grande do mundo ou a Festa das Camisetas. Desde primeiras horas desta mañá, o Parque Municipal e as principais rúas do Carballiño enchéronse de visitantes que querían degustar a xoia gastronómica: o pulpo á feira. De feito, ao longo da xornada cocéronse máis de 50 toneladas de pulpo.

José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño, e Manuel Dacal, concelleiro de Turismo, destacaron o éxito de participación da Festa do Pulpo, que cada ano recibe a máis visitantes chegados desde diferentes partes do mundo. No acto inaugural, Castro-Gil recordou que “O Carballiño é a vosa casa” e agradeceu a presenza de amizades de Lanzarote, Noventa Padovana (Italia), Mogán e Sevilla. Pola súa parte, Dacal puxo en valor o “gran traballo” das pulpeiras e pulpeiros, que manteñen a tradición gastronómica xeración tras xeración. “Grazas ao traballo de todos eles, hoxe veñen a visitarnos milleiros de persoas”, resaltou. Dacal tamén se referiu ao importante recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, acadado en 2022.

 

 

A xornada, como é habitual, reuniu gastronomía, artesanía, música e tradición no Parque Municipal. O entorno do palco da música acolleu o Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional, onde actuaron Oviravai, Pataghullos e Ardentía. Ademais, Feitizo de Pau, Os Serandeiros, Feixoada e a Banda de Gaitas Os Catro Ventos ambientaron as tabernas e zonas de comida. Este ano, por primeira vez, o Concello habilitou unha zona pública de mesas e bancos.

Por outra banda, nas Barcias celebrouse a Festa da Xuventude, onde se reuniron milleiros de persoas para desfrutar coa música de DJ Ballesteros, a discomóbil galega A Gramola, Codeso, Saúl Gallego, Nico Batea, Diego Valeiras, Rivero, Aitor Alfonsín, Javii, Ivi Bralo, Dúo y Medio, Dris, Sergito, De Melo e Mencler.

Back to top button