ConcellosSoberÚltima hora

O cartel dunha moza ourensá, ganador do Concurso da XLII Feira do Viño de Amandi

O Concello de Sober arranca hoxe o ‘Mes do Amandi’ co fallo do concurso, cun concerto das Xuventudes Musicais e a presentación do equipo de Rally ‘Barantes Sport’

 

Rocío Rodicio González, de 15 anos e veciña de Ourense, é a gañadora do concurso de carteis da XLII Feira do Viño de Amandi, que se celebrará en Sober os próximos 9 e 10 de abril, volvendo así a súa data habitual de sábado e domingo de Ramos. O cartel darase a coñecer o vindeiro sábado día 12 ás 12:00 horas nun dos novos recursos turísticos e paisaxísticos cos que conta o concello de Sober.

A gañadora recibirá un premio de 600 euros. Este ano recibíronse orixinais de diversos puntos de Galicia e tamén do resto do Estado, como en anos anteriores.

A moza conta xa con outras distincións, como ser a gañadora de 3 edicións do Concurso de Debuxo e Redacción Jóvenes y Mayores do Xornal La Región, gañadora do Concurso internacional Leonardo 4 Children 2021, do Concurso do Cartel 25N do Concello de Pereiro de Aguiar, do X Premio Nacional Avelina Lamas e coa mención de honra do Concurso VIII centenario Catedral de Burgos.

Rocío Rodicio explica que o seu deseño recolle a esencia da Feira do Viño de Amandi, no que se pode ver representado o río Sil, as uvas e a figura do viticultor. Considera a distinción “unha gran oportunidade” e asegura estar moi orgullosa co premio e co traballo, unha acuarela con lapis de cores.

Mes do Amandi

Co fallo do concurso de carteis o Goberno local inicia hoxe o ‘Mes do Amandi’, as actividades previas á celebración da Feira do Viño. A localidade acolle ademais esta tarde un concerto das Xuventudes Musicais de Sober e a presentación do equipo de Rally ‘Barantes Sport’, co que colabora o Concello de Sober.

Todas estas actividades conforman o marco ideal para botar a andar o Mes do Amandi cuxas propostas se prolongarán ata a data da Feira do Viño e se irán dando a coñecer nos vindeiros días.

Tal e como xa avanzou o rexedor, Luis Fernández Guitián, este ano o pregoeiro da XVII Feira do Viño de Amandi será o actor Chechu Salgado, nacido na localidade e gañador do Premio Goya deste ano como mellor actor revelación polo seu papel no filme ‘As leis da fronteira’.

Artigos relacionados

Back to top button