OurenseÚltima hora

O Castro de Caldelas súmase á loita contra as especies invasoras no interior de Galicia

O alumnado do obradoiro Forestal asistiu a unha sesión formativa, e ao día seguinte realizaba unha xornada de extracción de plumeiros entre a cidade de Ourense e as estribacións da serra na que se encontra Cabeza de Manzaneda

 

A Asociación Galicia Ambiental vén de impartir esta semana unha xornada formativa sobre especies invasoras e preservación da biodiversidade no interior de Galicia ao alumnado do Obradoiro Dual de Emprego “Caldelas XI”, da especialidade de Forestal, “Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes”. Este obradoiro traballa nos concellos do Castro de Caldelas, A Teixeira e Montederramo, onde realiza principalmente labores de desbroce de camiños.

A actividade comezaba o 21 de outubro e proseguía neste xoves 22 de outubro, cunha xornada de extracción do plumeiro da herba da Pampa (Cortaderia selloana), que levaba a cabo o propio alumnado e o equipo UETI de Galicia Ambiental entre a cidade de Ourense e as estribacións da serra na que se encontra Cabeza de Manzaneda, para preservar o Concello e a contorna da expansión desta invasora.

Galicia Ambiental fixou como prioridade do proxecto LIFE Coop Cortaderia Galicia “reducir ao máximo a presenza da herba da Pampa nas zonas de interior, dende a autoestrada AP-9 cara ao leste e de forma moi especial cara á montaña de Ourense e Lugo, co obxectivo de preservar a súa biodiversidade singular. Esta prioridade é aínda máis necesaria tras os incendios forestais, que favorecen a implantación de especies invasoras sobre solos degradados”, lembra esta entinde que, ademais aplaude “a iniciativa do Concello do Castro de Caldelas e do seu obradoiro, tanto de quen o imparte como do seu alumnado, que están a demostrar unha gran sensibilidade coa problemática das especies invasoras como vector limitante da biodiversidade dun territorio que, ademais, está a ser seriamente afectado por cambios nos usos do solo e polos incendios”.

 

 

Unha invasora que avanza cara ao interior

Durante anos, a herba da Pampa estivo concentrada na franxa atlántica, “especialmente nos municipios do Golfo Ártabro e das Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, onde a súa “invasión xeneralizada” foi paralela á construción de grandes infraestruturas como polígonos industriais, novas autovías e a rede de alta velocidade”, explica Galicia Ambiental. E, agora, prosegue “a planta está a chegar a estradas do interior onde, até hai poucos anos, raramente se podía ver, como a Autovía de Madrid ou a OU-536, que conecta Ourense con A Pobra de Trives e Valdeorras e atravesa concellos como Montederramo ou O Castro de Caldelas”.

A súa capacidade de expansión, indica esta entidade, “explícase pola dispersión masiva da semente: cada ano son centos as plantas e millóns as sementes que van colonizando novos territorios. A herba da Pampa e a acacia mimosa (Acacia dealbata) aproveitan de xeito vantaxista os solos afectados por incendios e degradados por movementos de terra. Tamén os polígonos industriais que sufriron grandes movementos de terra convertéronse en “reservorios” e novos focos de expansión, igual que as novas vías de comunicación como o AVE ou a AP-53. A especie está incluída no Catálogo Español de Especies Invasoras, o que obriga a adoptar medidas preventivas”.

Tras dous anos de sensibilización ambiental e de accións piloto como o programa plurianual de eliminación da especie na península do Grove, o proxecto está nunha fase centrada, ademais de na prevención, na extracción de plantas en áreas de recente implantación, en colaboración cos concellos do interior, para minimizar a expansión da Cortaderia polo interior de Galicia, comenta Galicia Ambiental.

 

 

 

Problema medioambiental e de saúde pública

A herba da Pampa é unha das especies exóticas invasoras que máis avanzou en Galicia, grazas á súa alta capacidade de dispersión e á falta de estratexias de control eficaces, advirten dende Galicia Ambiental. “Como consecuencia da expansión destas especies, Galicia ve prolongado o seu período de alerxias primaverais, ata ben entrado o mes de novembro, como consecuencia da presenza incontrolada da herba da pampa en varias rexións. Os efectos sobre a saúde pola presenza desta planta xa foron demostrados por un estudo preliminar (que agora se está a ampliar) realizado polo grupo de investigadores que dirixe o Servizo de Alergoloxía do Hospital Universitario Marqués de Valdecilla (HUMV), en Cantabria. A herba da Pampa está a provocar que o período de alerxias ás gramíneas se estenda da primavera (polinización das gramíneas autóctonas) ao verán e outono (que é cando poliniza e florece a herba da Pampa, por mor da “memoria biolóxica”)”.

Proxecto LIFE Coop Cortaderia

A asociación Galicia Ambiental forma parte do consorcio de institucións e organizacións que desenvolverá o programa LIFE Coop Cortaderia +, que abrangue varias rexións e comunidades autónomas atlánticas de España, Portugal e o suroeste de Francia para o control da especie invasora herba da Pampa.

O proxecto propón avanzar no control e erradicación da Cortaderia selloana no Arco Atlántico, aproveitando o efecto de arrastre do anterior LIFE Stop Cortaderia (2018-2022) para afondar nas leccións aprendidas, ao mesmo tempo que se desenvolven ferramentas para mellorar a gobernanza pública e a resposta fronte á invasión da Cortaderia. O principal obxectivo céntrase agora en mellorar a metodoloxía de control e xestión desta especie invasora dentro do territorio galego, xerando un «territorio barreira» para a protección das zonas do interior, onde se buscará a súa erradicación.

Fotos cedidas.

Back to top button