Á segundo foi a vencida. Na tarde deste domingo 20 de setembro o CD Barco lograba a primeira vitoria desta tempada en casa (a segunda da liga tras vencer 0-1 ao Arenteiro), nun partido moi traballado ante o Portonovo SD.

Despois da derrota 1-2, en plenas Festas do Cristo, ante o Silva, que tamén lle custaba a criticada expulsión do míster, Agustín Ruíz (que seguía o partido dende a bancada), o conxunto vermello saltaba ao terreo de xogo disposto a darlle unha alegría á afección. Puxo moito da súa parte pero preto xa do descanso os pontevedreses adiantábanse no marcador.

Co 0-1 e tras o paso polo vestiario, o Barco comezaba a segunda parte máis agresivo, ata que Vilachá igualaba o marcador no minuto 56. Parecía que o partido quedaría en táboas co conseguinte reparto de puntos pero no minuto 90, chegando xa ao final, Óscar Martín facía a súa maxia, marcando o gol da esperada vitoria para os locais no campo municipal de Calabagueiros. Unha vitoria que sabe moito mellor tras a remontada.

Con este resultado, o CD Barco sitúase no cuarto posto da Terceira Federación. Na seguinte xornada toca desprazamento para enfrontarse ao CD Lalín, cos mesmos puntos pero un posto por debaixo na clasificación.
Fotos: Mónica G. Bellver.