CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Condesa Fenosa do Barco despide o curso e a 2 profesoras: Pili e Carmela

 

Chegou o final de curso, no CEIP Condesa Fenosa do Barco baixamos o telón, as aulas esmorecen co silencio e a calor. Para a maioría de nós é un ano máis e afrontamos o verán para cargar baterías de cara o seguinte. Non é así para dúas compañeiras, Pili e Carmela. Non. para elas é o derradeiro, dá un pouco de vertixe pensalo. é o peche definitivo dunha longa traxectoria docente.

Para outros é un ano máis á espera d@s nov@s compañeir@s, e para @s que emprendedes o voo cara un novo destino esperamos que fose un ano proveitoso cheo de múltiples experiencias.

Levades convosco na maleta aprendizaxes, vivencias e incluso algunha que outra amizade. Pero, sobre todo emocións. Porque o ensino é por enriba de todo un caixón cheo de emocións. Positivas e negativas. agotadoras, frustrantes tamén por veces, arrolladoras, desbordantes… emocións fondas e a flor de pel. E manexarse neses mares non é tarefa doada.

 

 

O Titanic do Condesa seguirá o seu rumbo, coa veterana tripulación seriamente minguada e con novas caras, novos profesionais que nos farán avanzar un curso máis, que nos traerán novas historias para seguir escribindo neste libro interminable.

Vaia ano vivimos… lembrades?

Con embarazos, partos, baixas, altas, rebaixas,… con moitas risas, ceas, almorzos e xantares, tamén con desvelos, con encontros e desencontros, porque así é a vida, pero con respecto, a base da convivencia.

E chegamos ao final da función sen que a ninguén @ comera o león, mantendo o equilibrio a duras penas, con múltiples anécdotas propias do mellor dos pallasos.

Ensinar é coma manexar todas as profesións circenses. Hai que ser un pouco paiaso, manterse no arame sen perder nunca o equilibrio, dar  máis dun mortal arriscado tentando caer sempre de pé, domar con paciencia ás feras sen recibir moitas mordidas e rematar a función con dignidade.

 

 

Botaremos moito de menos a tod@s @s profes que remastes con enerxía, moitas veces contracorrente, sen pór mala cara, sen descansar, nin renderse. Lembrarémosvos e gardaremos este curso nun recuncho dos nosos corazóns. Debuxarásenos un bonito sorriso ao lembrar todo o pasado… ás veces incluso cuestionándonos se todo isto ocorreu ou foi un soño…

E á capitana da nave só lle podemos dar as grazas… polo derroche de tempo e de enerxías deixadas no traxecto. Grazas por facilitar, por comprender, por darlle a cadaquén o seu espazo e o seu tempo, por ser o pau maior ao que agarrarnos cando máis arreciou a tormenta, grazas por botarnos un salvavidas cando estabamos a piques de afogar no océano da burocracia. Grazas, en fin, por estar tantas veces sen notarse.

 

 

Bo verán para tod@s, sorte cos novos destinos para @s que os descoñecedes, desfrutade do descanso tod@s e especialmente Pili e Carmela con esas vacacións infinitas ás que tod@s anhelamos chegar algún día.

Texto e fotos: CEIP Condesa de Fenosa.

Back to top button