CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Condesa Fenosa do Barco estrea unha función teatral contra a contaminación mariña de plásticos

Titúlase “O Arao Arquímedes” e será representada os días 17 e 19 de xuño por alumnado de 1º neste centro valdeorrés
Exterior do CEIP Condesa Fenosa do Barco.

“Sabiades que o lixo que deixas tirado no Malecón pode chegar ao mar a través do río?”, “Sabiades que hai unha illa de plástico no océano Atlántico que ten tres veces o tamaño de francia e que segue medrando?”, “Sabiades que este ano apareceu nas Filipinas unha balea con 40 kg de plástico no seu estómago?”. Son algunhas das preguntas que se plantexan na obra de teatro “O Arao Arquímedes”, que o alumnado de primeiro do CEIP Condesa de Fenosa do Barco ten previsto representar o vindeiro luns 17 de xuño para os seus compañeiros e compañeiras e o mércores 19 de xuño para as súas familias.

Esta obra, creada polo propio alumnado, está enmarcada dentro do programa PITEAS, que se desenvolve no noso centro dende o curso pasado. “Levouse a cabo un proxecto de investigación centrado na temática mariña. A comezos de curso a través do “inventario de intereses” que se lle pasa ao alumnado antes de iniciar un proxecto, descubrimos que o tema sobre o que as nosas nenas e os nosos nenos querían investigar era O MAR”, explican dende o colexio.

Ademais destacan que “aprender sobre a realidade mariña (animais, algas, microorganismos…), oficios e deportes relacionados con el, recursos, etc; requeríu moitas horas de investigación e traballo en colaboración coas familias; e, como non podía ser de outro xeito, tamén fomos de excursión ao mar”.

Deste xeito o pasado 26 de abril, alumnado e profesores, acompañados das familias, viaxaban ata o Grove e subíanse en catamarán para aprender sobre o traballo que se fai nas bateas (mexilóns, vieiras…), admeais de visitar o Acuario da localidade, “onde aprendemos moito sobre animais coma o “melgacho” ou as “nécoras” que formarían parte máis adiante da nosa función teatral”, explican dende co centro barquense.

E, “aprendendo sobre o mar, descubrimos un grave problema que afecta aos ecosistemas mariños: a contaminación. Preocupounos especialmente o tema dos plásticos que tardan centos de anos en degradarse e están a acumularse sen control causando un grave prexuizo á fauna mariña. Decidimos axudar a facer consciente á sociedade desta realidade e así naceu “O arao Arquímedes”. Un ave en perigo de extinción (que en España só vive en Galicia) á que un día se lle quedou enganchado o peteiro nun aro dunha botella”, adiantan dende o CEIP Condesa Fenosa.

A obra de teatro escrita e interpretada polo alumnado de 1º a e 1º B deste centro, moi preto do río Sil, ten un marcado carácter didáctico e unha clara mensaxe “AXUDÁDENOS A COIDAR O NOSO MAR”, resaltan.

Artigos relacionados

Back to top button