CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá, entre os 10 galardoados galegos dos Premios Proxecta

Tamén resultaban distinguidos outros dous centros ourensáns: o IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia e o CPI Plurilingüe Laureano Prieto da Gudiña

Publicidade
Instalacións do CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá./ Foto: Carloss G. Hervella.

 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de facer público o listado dos 10 centros de ensino públicos galegos recoñecidos nos Premios Proxecta de Innovación Educativa 2019, dirixidos aos centros docentes públicos admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2018/19. Dese total tres son ourensáns.

Entre os centros distinguidos están o IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia co 1º premio (5.000 €) na categoría B (ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial), o CPI Plurilingüe Laureano Prieto da Gudiña cun 3º premio de 3.000 €  e o CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá cun accésit de 1.000 euros, ambos no apartado A (de infantil e primaria).

O obxectivo destes galardóns é consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

No pasado curso ofertáronse un total de 44 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a creación audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

No actual curso 2019/20 participan no Plan Proxecta 579 centros de ensino, preto de 148.000 alumnos e alumnas (un 7,46% máis ca no curso anterior) e máis de 8.200 docentes.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button