OurenseÚltima hora

O VII Premio Rodolfo Prada á xestión cultural de 2024 reparte 10.000 euros en galardóns

O acto de entrega tiña lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense

PREMIOS RODOLFO PRADA 2024. O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, no acto.

 

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor a aposta da Deputación de Ourense pola cultura durante o acto de entrega no Centro Cultural Marcos Valcárcel dos VII Premios Rodolfo Prada á xestión cultural 2024, organizados pola institución provincial, no que tamén participou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

César Fernández tamén destacou a figura do “insigne intelectual ourensán” que lle dá nome a estes galardóns, que pretenden recoñecer o labor dos xestores cultura en Galicia ou fóra, pero con claras referencias á cultura galega. Anxo Lorenzo, pola súa banda, cualificou os proxectos gañadores como un “mosaico das iniciativas que xorden por toda Galicia”. Para o director xeral de Cultura, estes galardóns son un “moi bo exemplo da diversidade e potencia do bo facer no país en moitísimos ámbitos, públicos e tamén privados”.

 

Anxo Lorenzo Suárez, Secretario Xeral de Políticas Culturais.

 

O asesor de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, foi o encargado de chamar aos premiados, comezando polo primeiro premio, para profesionais culturais, dotado con 3.000 euros, a Eduardo Rodríguez, organizador do Festival de Jazz Primavera do Café Latino, ciclo de referencia na cidade para os amantes deste estilo musical. O segundo premio, para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, dotado con 2.000 euros, foi para a asociación cultural Telón e Aparte, que organiza en Carballo (A Coruña) o Festival Internacional de Teatro (FIOT), cun programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo de máis de tres décadas de existencia. Finalmente, o terceiro premio, para proxectos culturais, dotado con 1.000 euros, foi para o Concello de Carral, cuxo certame de poesía, que alcanza a vixésimo sétima edición, constitúe un dos eventos literarios máis prestixiosos de Galicia.

Premios por cada unha das catro provincias galegas

Ademais dos premios outorgados ao amparo destas tres categorías, o certame tamén entrega un premio de 1.000 euros por cada unha das catro provincias galegas. Pola provincia da Coruña, o xurado acordou conceder o premio á Fundación Eduardo Pondal polo proxecto “Festiletras”, que naceu na aldea do Couto (Ponteceso) no ano 1982, sendo un espazo para todos e un reflexo da tradición cultural galega.

 

 

Pola provincia de Lugo, o premio foi para a Fundación Uxío Novoneyra polo proxecto ”Patrimonio Courelao. Enxeñería Ourensana, exemplo da universidade da Galicia Interior”, promovido dende a aldea de Parada, en Folgoso do Courel. En Ourense, a distinción foi para Óscar Penín Romero polo proxecto “Ruralisto”, entorno ao patrimonio e á cultura con especial atención ao rural, lanzado dende a localidade de Loiro (Barbadás). Por último, o galardón destinado a Pontevedra recaeu na Asociación Teatro Compañía Caracol, pola actividade que realizan dende Cambados para promover valores de respecto mutuo, diversidade e paz.

Premio especial

De acordo ás bases do certame, o xurado tamén concedeu un premio especial en base á proposta realizada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural para o proxecto “Camino Escena Norte”, organizado polas asociacións Escena Galega, EscenAsturias, Acepae, Eskena e Escena Navarra, que baixo esta iniciativa de intercambio cultural das artes escénicas programan actividades en máis de sesenta sedes de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.

Artigos relacionados

Back to top button