O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o subdirector xeral de valorización dos produtos do mar, Cándido Rial, participaron este mediodía como xurado do concurso “mellor empanada by Galicia” que tivo lugar hoxe na Aula Polivalente de Madrid Fusión.
Este certame, promovido polas consellerías do Medio Rural e do Mar, seleccionou a empanada de cocido galego do restaurante madrileño Mai e Matucha como a mellor receita na primeira edición deste concurso. Foi creada polo chef Miguel Fernández Vidal e conta cunha masa fina de trigo rechea do cocido tradicional con unto, lacón, chourizo de Porco Celta, costela, grelos e patacas da IXP Pataca de Galicia. A competición foi a nivel nacional e nela participaron ducias de concursantes de todos os recunchos do país, que tiveron como tarefa a elaboración dunha empanada con produtos galegos do mar e do agro de Galicia.
Ademais da empanada que resultou gañadora, o concurso seleccionou outras cinco receitas que chegaron ata a última fase do certame. Concretamente, as finalistas foron a propietaria e chef do Hotel restaurante Rías Altas, de Barreiros (Lugo), pola súa receita de empanada de grelos con chourizo e touciño de porco celta; o chef do restaurante Tabalu food&tech, de Vigo, pola súa empanada de fariña de castaña, recheo de polbo, queixo San Simón da Costa e toque de pementón; o chef do restaurante La Empanada Viajera da Coruña, pola súa receita de empanada de polbo e grelos; o chef do restaurante Il Bocconcino by Royal Hideaway, de Tenerife, pola súa empanada de ameixas á mariñeira con leituga de mar e alga codium e o cociñeiro de San Isidro Bakery, de Bergondo (A Coruña), pola súa empanada “ledicia” (dúas capas de masa crocante con recheo de cebola doce, berberechos, alga wakame en copos e touciño de porco celta).
Martín Alemparte puxo de relevo este tipo de concursos, que salientan a importancia da despensa galega e recoñecen o labor dos produtores. Ademais, afirmou que este tipo de certames configúranse como unha moi boa oportunidade para salientar as elaboracións gastronómicas nas que se empregan os produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, aportándolle aínda máis valor engadido a este tipo de producións.
Participación da Xunta en Madrid Fusión
O concurso da “mellor empanada by Galicia” púxolle o broche final á participación do Goberno autonómico en Madrid Fusión, no que as consellerías do Mar e do Medio Rural contaron cun espazo de 480 metros cadrados para a promoción do potencial gastronómico e alimentario de Galicia, onde tiveron presenza 10 coexpositores de Medio Rural e nove de Mar.
Ademais, a Xunta preparou un amplo programa de actividades para os asistentes e esta feira, que incluíu demostracións de cociña, degustacións e presentacións de produtos galegos con calidade diferenciada da terra e o mar.