
Este ano participaron máis de 1.900 persoas nas actividades da segunda edición de “Creamos Saúde Tour”, un proxecto de Cruz Vermella en Galicia en colaboración coa compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski, que se basea na estratexia de alimentación consciente desenvolvida por Cruz Vermella Española e cuxos piares principais son saúde, sustentabilidade e coñecemento.
Esta iniciativa de sensibilización coa que Cruz Vermella busca promover ferramentas e coñecementos sobre o papel esencial da alimentación na saúde está dirixida a persoas de 65 e máis anos. Este obxectivo cumpriuse xa que en cada unha das paradas do circuíto foi o grupo de participantes maioritario, sendo en total 1.373 persoas maiores as que se achegaron e degustaron tapas de caldo, empanada de pisto, saam de pito de curral ou de pescada, poke de salmón marinado ou escalivada con bacallau, entre outras, e ás que tamén se entregou un receitario con suxestións de menús e consellos para unha alimentación consciente, saudable e sostible.
Percorrido de 619 quilómetros
A food truck de “Creamos Saúde Tour” foi percorrendo máis de 600 quilómetros por Galicia para chegar ás seis localidades que formaban parte do itinerario e nas que se realizaron sesións divulgativas da man de profesionais da cociña e baixo a premisa dunha alimentación saudable e dun consumo responsable. A primeira parada tivo lugar na praza Irmáns García Naveira de Betanzos o 29 de setembro e a última na porta do Sol de Vigo este martes 21 de outubro. De camiño, tamén estivo en Burela o 1 de outubro, na Coruña o 6, en Ourense o 8 e en Pontevedra o día 17.

O obxectivo de cada unha das sesións foi ofrecer consellos, receitas e degustacións fundamentados nas claves dunha alimentación consciente e do seu impacto na saúde. Por iso, a bordo da food truck, profesionais e alumnado das escolas de hostalería CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), IES Sanxillao (Lugo), CIFP Vilamarín (Ourense), CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e CIFP Manuel Antonio (Vigo) compartiron, xunto ao voluntariado e persoal técnico de Cruz Vermella, os principais detalles esenciais para poñer en práctica unha alimentación saudable desde os 65 anos.
A primeira edición de “Creamos Saúde Tour” desenvolveuse durante o mes de outubro de 2024, e nela houbo preto de 1.800 participantes, que acudiron á food truck durante as dez paradas realizadas ao longo de 701 quilómetros de roteiro divulgativo.