
O Clúster da Pizarra de Galicia vén de asinar neste 11 de setembro un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Ourense (COAT) no que ambos colectivos adquiren o compromiso de realización de accións específicas para o fomento do sector da lousa no ámbito da sustentabilidade.
Así pois, o Clúster da Pizarra de Galicia comprometeuse a contratar os servizos de publicidade na páxina web do COAT de Ourense, que permitirán a difusión da publicación “Pizarra” en formato dixital en formato pdf en toda Galicia. A acción realizarase a través do gabinete técnico do Consello Xeral de Arquitectura Técnica, mediante traballo en redes sociais e por medio da entrega en papel da publicación, baixo demanda dos seus colexiados.
A aportación que o Clúster da Pizarra realiza ao COAT de Ourense, está incluida noutro convenio, o de Colaboración coa Consellería de Economía e Industria, que contempla este tipo de actuacións específicas para poñer en valor o sector da lousa.
O acordo asinado entre ambos entes terá unha vixencia dun ano e poderá ser prorrogable sempre que haxa compromiso polas dúas partes.