Sanidade

O Concello de Ourense aproba a urbanización do Centro de Saúde do Couto

As obras terán un custo de case 500.000 euros e contemplan os accesos ao Centro de Saúde polas rúas Bispo Lourenzo, Castro Canseco e Velazquez, entre outras intervencións
Maqueta dixital do Centro de Saúde de O Couto.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou, na xuntanza celebrada na mañá de hoxe, 18 de maio, a adxudicación das obras de urbanización do Centro de Saúde do Couto. O custo total destas obras será, segundo fontes do consistorio ourensán, de 479.710 euros e a empresa adxudicataria é Hordescon S.L. por seres “a oferta económica máis vantaxosa das cinco presentadas”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa posterior á Xunta. O rexedor municipal aseverou que “damos así un paso necesario e moi importante para a posta en marcha desta infraestrutura sanitaria”. Vázquez cualificou esta intervención de “fundamental” para a posta en valor do espazo, no que tamén se ubica a nova sede dos Xulgados de Ourense.

En canto ás obras a realizar, o rexedor explicou que faranse novos accesos a estes equipamentos, nomeadamente ao centro de saúde, dende a rúa Bispo Lourenzo, Castro Canseco e Velázquez. Tamén se instalarán novos pavimentos, beirarrúas e espazos verdes para humanizar a contorna. No eido da vexetación, está previsto que se instalen árbores como cedros do atlas, pinus ciruelo, pradairos e chopos brancos e negros, informan dende o Concello. Ao mesmo tempo, instalarán mobiliario urbano, alcroques e as redes de abastecemento e saneamento conectadas á rede municipal, instalacións eléctricas…

Jesús Vázquez contou que “a semana pasada tivemos coñecemento dunha sentenza que confirma o auto de primeira instancia que denegaba a apertura do Centro de Saúde do Couto”. Por este motivo, o Concello denegoulle no seu día a licenza de ocupación desa instalación sanitaria ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS), que recorreu o acordo e o Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Ourense desestimou devandito recurso. “O SERGAS recorreu entón o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e este desestimou tamén o seu recurso, na sentenza coñecida a semana pasada e da que se informou”, contou o alcalde, Jesús Vázquez.

Artigos relacionados

Back to top button