ConcellosQuirogaÚltima hora

O Concello de Quiroga aborda o plan de actuacións de Cultura e Turismo para o 2025

 

O tenente de alcalde de Quiroga, Vicente Parra, vén de reunirse cos técnicos de Cultura e Turismo do Concello de Quiroga para iniciar o plan de actuacións para este 2025. Catro foron os temas a tratar nesta primeira xuntanza. O primeiro deles centrouse no programa “Descubrir Quiroga” que se implantaba o pasado verán cunha achega económica de 10.000 € de Presidencia da Deputación Provincial.

Tras o éxito acadado con gran acollida por parte de veciños e visitantes, volverá poñerse en marcha este programa de dinamización turística. Unha maneira diferente de coñecer Quiroga a través de interesantes rutas e actividades acuáticas, complementadas con catas gastronómicas ou concertos.

A situación actual das numerosas rutas coas que conta o Concello de Quiroga, sete delas homologadas, foi outro dos puntos a tratar. Contando cunha axuda económica de preto de 30.000 € a través da Rede Natura 2000 da Xunta de Galicia, e de fondos propios do Concello de Quiroga, sete das rutas están limpas e sinalizadas (PR-G 184 Lagoa da Lucenza, PR-G 192 Pregamento Xeolóxico, PR-G 141 do Ouro e do Camiño Real de Margaride, PR-G do Val do Río Quiroga, Ruta da Fervenza de Vieiros e a ruta do Castro de Penadominga). Estes días rematarase o acondicionamento de 4 pontes na ruta do Camiño do Ferradal e da sinalización que estaba pendente. Por revisar quedan a ruta circular do Montouto e a da Seara a Rugando.

Unha pequena parte da Feira do Viño de Quiroga xa se adiantou nesta xuntanza. Dentro dos actos que se organizarán para a feira deste ano está un recoñecemento aos pioneiros da feira, os seus primeiros organizadores.

Artigos relacionados

Back to top button