CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Concello de Quiroga abrirá o 11 de novembro prazo para solicitar axudas para estudantes menores de 25 anos

Fachada da Casa do Concello de Quiroga.

 

O Concello de Quiroga abrirá o vindeiro luns o prazo para solicitar as axudas anuais que se conceden aos estudantes menores de 25 anos e dependentes economicamente que cursan ensinanzas superiores (universitarias, formación profesional, masters ou educación especial) fora do termo municipal de Quiroga.

Son gastos subvencionables a matrícula educativa, a compra de libros de texto, o alugueiro de vivendas ou os gastos de transporte, sempre que figuren a nome do estudante que solicita a achega económica, tal e como se informa dende o Concello.

Os interesados en solicitar esta axuda terán que presentar a documentación telematicamente a través do impreso que poden descargar na sede electrónica do Concello de Quiroga. A solicitude deberá ir acompañada dunha fotocopia do DNI e do certificado de matrícula expedido polo centro educativo ou resgardo de ter pagada a matrícula.

As contías que poderán percibir os solicitantes que cumpran os requisitos irán en función do número de solicitudes, entre os que se repartirán os 8.000 € – mil máis que o pasado ano- consignados para este fin. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes comunicarase aos interesados a concesión da axuda que terán que xustificar mediante a presentación de facturas ou recibos que inclúan o gasto para o que se solicita a subvención.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante 20 días hábiles a contar dende o vindeiro luns día 11.

Back to top button