ConcellosQuirogaÚltima hora

O Concello de Quiroga pide “o arranxo inmediato da N-120” ante a Subdelegación do Goberno en Lugo

 

No pasado mes de novembro de 2024, o equipo de goberno do Concello de Quiroga poñíase en comunicación coa Subdelegada do Goberno, María Isabel Rodríguez, para pedirlle que realizase as xestións oportunas ante a Dirección General de Carreteras e ante o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostenible para que dalgunha forma se poida dar solución a este problema de seguridade viaria, que se está dilatando no tempo, para que a estrada N-120 siga mantendo a categoría que representa.

“A referida estrada está nun estado moi precario e especialmente ao seu paso por Quiroga, feito que se vén denunciando desde anos atrás, con fochancas e fendiduras no firme que non só dificultan a circulación senón que poñen en perigo a seguridade viaria e prexudican a integridade dos vehículos. En ocasións puntuais, o servizo de mantemento fai recheos de fochancas, pero a solución é tan precaria que, as inclemencias metereolóxicas e o tráfico de vehículos fan saltar o parcheado provisional de novo”, asegura o Concello de Quiroga.

A resposta foi inmediata por parte da Subdelegación do Goberno, na que informaba que se atopa en redacción do proxecto a rehabilitación de firmes da N-120 entre os PP.KK. 472 ao 535.
E que ademais está previsto priorizar actuacións nesta estrada no ano 2025 co contrato marco de conservación de firmes da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Os responsable municipais agradecen as xestións realizadas pola Subdelegación do Goberno , no obstante, lembran que seguirán incidindo en que estes traballos se acometan o antes posible, xa que esta estrada é moi utilizada a diario polos veciños e veciñas do municipio de Quiroga.

 

Back to top button