OurenseÚltima hora

O Concello de Ribadavia pon en marcha medidas de apoio aos seus estudantes durante o confinamento

En colaboración co CEIP Plurilingüe, repartirá lotes con libros e material escolar ao alumnado do centro para que poidan facer as súas tarefas e continuar co desnvolvemento da actividade didáctica en tempo de confinamento.

 

Co fin de os estudantes poidan continuar avanzando nos seus estudos e nas súas tarefas nesta época de confinamento o Concello de Ribadavia vén de poñer en marcha unha serie de medidas. Así, e grazas á colaboración co CEIP Plurilingüe de Ribadavia, e co apoio de Protección Civil, o Concello iniciou o reparto de lotes con libros e material escolar do alumnado deste centro para que poidan continuar co desenvolvemento da actividade educativa no que resta de período de confinamento nos domicilios. A previsión é de entregar entre 150 e 200 lotes de material que a dirección do centro preparou para cada un dos alumnos en función das súas necesidades educativas.

Ademais ponse en marcha un servizo de impresión de apuntamentos e fichas para estudantes, con entrega a domicilio dese material, “un servizo do que se poden beneficiar non só estudantes dos ensinos infantil e primario, se non tamén estudantes de secundaria, bacharelato e ensino universitario que residan no concello de Ribadavia. Para poder recibir a prestación deste servizo basta con remitir un correo electrónnico ao enderezo casacultura@ribadavia.es adxuntando os arquivos a imprimir, indicando que é o que se necesita e proporcionando o enderezo ao que hai que levar o material”, segundo informa o Concello.

 

 

“Poñemos en marcha estas medidas porque somos conscientes de que pode haber moitos estudantes que, por diferentes razóns, non teñan posibilidade neste tempo de imprimir apuntamentos e, no caso dos máis pequenos, poder ir a buscar o material escolar que lles permita avanzar nos seus estudos”, asegura o alcalde de Ribadavia, César Fernández.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button