ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O Concello de Río aposta pola formación de profesionais no sector do viño

En colaboración con Vinopres e a Fundación Finnova, o concello está a optar a financiamento europeo da Comisión Europea para lanzar o proxecto "Wine & Spirit Taster Academy"

Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

O Concello de San Xoán de Río aposta pola formación de profesionais no sector do viño e das bebidas espirituosas. Así, en colaboración con Vinopres e a Fundación Finnova, o Concello está a optar a financiamento europeo da Comisión Europea para lanzar o proxecto “Wine & Spirit Taster Academy”.

Esta iniciativa innovadora busca modernizar a formación no sector vitivinícola e das bebidas espirituosas, combinando a análise sensorial, a sustentabilidade, o emprendemento e as ferramentas dixitais. “Wine & Spirit Taster Academy” ten como obxectivo “reforzar as habilidades de profesionais e persoas adultas interesadas neste eido, centrándose en métodos de cata, prácticas de produción responsable e o fomento do emprendemento”, indican dende o Concello de Río.

No caso de ser aprobado, o proxecto contará cun orzamento de 60.000 € e desenvolverase ao longo de 24 meses, do 1 de setembro de 2025 ao 31 de agosto de 2027, grazas ao programa Erasmus+ (KA210-ADU). O programa formativo incluirá talleres sobre análise sensorial, introdución á viticultura sustentable, mentorías en emprendemento e o uso de ferramentas dixitais punteiras, como a intelixencia artificial, para a avaliación de viños e espirituosos.

Ao finalizar a formación, os profesionais poderán certificar a adquisición dos coñecementos impartidos nos diferentes módulos. Ademais, o proxecto ten previsto divulgar os seus resultados en eventos especializados e a través de plataformas colaborativas.

O proxecto contará coa participación activa do Concello de San Xoán de Río, Vinopres e a Fundación Finnova. Vinopres, entidade belga, actuará como coordinadora do proxecto, achegando a súa ampla experiencia en eventos e comunicación no sector vitivinícola e gastronómico. A Fundación Finnova, pola súa banda, contribuirá coa súa experiencia na xestión de proxectos europeos, innovación e dixitalización.

O Concello de San Xoán de Río centrará as súas funcións na conexión local e na experiencia en desenvolvemento rural e viticultura da rexión galega. Esta combinación de capacidades garante que o proxecto non só cumpra cos requisitos de Erasmus+, senón que tamén integre a dimensión práctica da industria e o coñecemento do territorio.

Back to top button