EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O conselleiro de Economía reúnese cos empresarios ourensáns

Visitaba Ourense e mantiña encontros coa CEO e coa Asociación de Empresarios do Polígono de Barreiros

A sede do Polígono de Barreiros, en San Cibrao das Viñas, recibía por primeira vez na mañá do 22 de abril a visita do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Alí mantiña un encontro coa directiva da Asociación de Empresarios do Polígono Barreiros que lle trasladaba as súas principais demandas.

Tamén avaliaban novas vías de colaboración para continuar a impulsar a competitividade das empresas deste parque empresarial no que se ubican máis dun cento de compañías. Ademais, o conselleiro informáballes das principais vías de actuación do seu departamento, en eidos como a innovación, a internacionalización, o acceso ao financiamento ou a simplificación administrativa. Na reunión tamén participaba, entre outras autoridades, o alcalde de San Cibrao, Pedro Rodríguez, incidía na necesidade de aunar esforzos para mellorar a dotación de infraestruturas e o funcionamiento da área de Barreiros.

Despois o conselleiro de Economía achegábase ata a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), na cidade, onde aseguraba que para lograr os retos da Axenda 20 para o Emprego é imprescindible contar coa colaboración do tecido empresarial e dar resposta ás súas necesidades. Tamén se refería á importancia dos plans integrados de emprego como o que ata o pasado mes de agosto desenvolveu a CEO. Esta iniciativa beneficiou un total de 100 demandantes de emprego, que accederon a accións formativas, a itinerarios personalizados de inserción e a intermediación laboral, logrando unha porcentaxe de recolocación do 50%, cifras que se espera repetir ou superar co novo Plan Integrado que está xa en marcha, segundo a Consellería de Economía.

No decurso deste acto tiña lugar asemade a presentación do libro “Guía para emprender en Ourense”, que segundo o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, “pretende ser un instrumento útil para cada persoa que queira poñer en marcha a súa propia iniciativa”. Con ela, esta organización empresarial aporta asesoramiento e apoio para “percorrer o camiño que vai dende a decisión inicial ata que o proxecto funcione”, de forma que “achegamos unha análise da situación inicial de como desenvolver a túa idea, de como facer os teus primeiros números, o teu plan de negocio, os medios precisos para poñela en marcha, e que métodos tes ao teu alcance para conseguir clientes, tamén que fórmulas poderás usar para obter financiamento, cal é a modalidade de empresa máis axeitada en función das túas condicións para creala, e por suposto , como comezar a xestionar a túa empresa, entre outras cuestión”, en palabras do presidente da CEO.

Artigos relacionados

Back to top button